Site icon Crónica3.com A Mariña

Inauguran a exposición do proxecto didáctico “Sen fronteiras: luz e color”-“Arte-Educa” no CENIMA en Foz

Nota de prensa:

CENIMA_INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “PROXECTO DIDÁCTICO DE CREACIÓN ARTÍSTICA “SEN FRONTEIRAS: LUZ E COLOR”. ARTE-EDUCA”

Este sábado 4 de febreiro, ás 19 h., no Cenima de Foz, inauguramos a exposición colectiva máis grande que se coñeceu en toda a Mariña ate o de agora: PROXECTO DIDÁCTICO DE CREACIÓN ARTÍSTICA “SEN FRONTEIRAS: LUZ E COLOR”. ARTE-EDUCA.

Esta exposición é a culminación dun traballo ó que se lle vén dando forma desde novembro de 2011. Desde o Concello de Foz en estreita colaboración co Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela plantexouse unha proposta didáctica de dinamización e de creación artística destinada a toda a comunidade educativa da Mariña, tomando o CENIMA como centro de operacións e como destino final do produto de todo este proceso creativo. O noso obxectivo é acercar a arte á sociedade do xeito máis puro posible, desde a ollada dos máis novos.

É a Arte pola Arte, a Arte sen fronteiras e sen límites.

Toda esta experiencia xira en torno os conceptos da luz e a cor, como elementos esenciais no tratamento da arte, tomando as vidreiras como o referente histórico que fusiona ambos elementos. Contamos coa inestimable colaboración de José Luis Neira Brochs, artesán vidreiro, veciño da comarca, cunha recoñecida traxectoria artística alén das nosas fronteiras, e que tamén participa como parte integrante da mostra.

Participan deste proxecto uns trescentos rapaces de toda a Mariña, de sete centros educativos da comarca: o CEIP Nº 1, o Colexio Nosa Sra. Do Pilar, o Colexio Martínez Otero e o IES Foz, do concello de Foz; o IES Monte Castelo, de Burela; o IES Alfoz-Valadouro; e o IES Vilar Ponte, de Viveiro. Todos deixan constancia da súa capacidade creativa tanto nenos de 3 anos como rapaces de bacharelato.

Nesta primeira experiencia, esperemos que non a última, quixemos facer do CENIMA un espazo común, un laboratorio de ideas donde poder experimentar coa arte entre todos:

Un foro aberto á creatividade e a expresión artística de toda caste.

Recomendado e recomendable para todas as idades.

Acercarse á arte desde o proceso creativo, desde o xaramolo da propia idea ata a súa manifestación física nun soporte. Saber qué se fai, porqué e de qué maneira, para poder entender a arte, para facer pensar…

Participar da arte activamente non como meros suxeitos pasivos, senón como parte activa:

Interactuar

Reactivar

Desfrutar

Aprender

Inspirar

Revolucionar

Innovar

Repensar a arte

Revitalizar

Imaxinar

Virar e revirar

Rexenerar

Porque non fai falta ir lonxe da casa para desfrutar da arte, que xermola, invisíbel, ó noso arredor. Porque A Mariña é arte e queremos que no CENIMA teña o seu mellor escenario. Arte accesible, cultura para todos.

Queremos que o Cenima sexa un lugar para o coñecemento e recoñecemento dos nosos artistas, dos que xa teñen unha carreira consolidada e dos que están dando os seus primeiros pasos.

Queremos que o arte da Mariña manifeste o seu talento desde Foz.

Silvia Fiallega Lorenzo

Comisaria da exposición

PROGRAMA DE ACTOS:

17.30 h. – 19.00 h.: Realización dunha vidreira en directo por parte dos rapaces do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela coa dirección do artesán Neira Brochs. A vidreira forma parte dunha escultura de 2,50 m. que se instalará no centro.

19:00 h. – 19:15 h.: Presentación do PROXECTO DIDÁCTICO DE CREACIÓN ARTÍSTICA “SEN FRONTEIRAS: LUZ E COLOR”. ARTE-EDUCA. Proxección do “Así se fixo” de todo o proceso creativo.

19:15 – 20:00 h.: Presentación da exposición e visita guiada, amenizada con música en vivo do grupo Orquestra de corda do Conservatorio de Viveiro.

A exposición permanecerá aberta ó público ata o 3 de marzo.

Exit mobile version