Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo repartirá cestas con produtos típicos e 2.000 euros en premios polo entroido

Nota de prensa

O Entroido cervense repartirá cestas con produtos típicos e 2.000 euros en premios

-En Cervo o Concello concederá cestas con produtos tradicionais desta época mentres en San Ciprián haberá premios económicos

-A festa empeza mañá venres, Día de Comadres, cunha cea-baile para mulleres

Cervo, 16 de febreiro de 2012-O Concello de Cervo deu a coñecer hoxe os premios que poderán levar os mellores disfraces e comparsas que participen nos desfiles de Entroido, tanto da capital municipal como de San Ciprián. No caso da vila de Cervo, os premios foron elixidos pola asociación Airiños do Xunco. Deste xeito, os tres mellores disfraces de grupos e as tres mellores comparsas levarán unhas cestas de produtos, que serán diferentes segundo as idades. Os vencedores en sénior poderán gozar dunha cesta con diversos produtos típicos destas datas como son cachucha, lacón, costela, chourizo, orella, grelos ou viño entre outros.

No caso dos grupos e comparsas infantís, as cestas inclúen artigos como lambetadas, refrescos e outros produtos que lles gustan aos pequenos. En todos os casos existen primeiro, segundo e terceiro premio, aínda que coas comparsas haberá cestas de consolación para todas as participantes no caso de existir máis de tres. En canto aos gañadores nas categorías de individual e parellas, o premio será unha figura de Gudín, tanto en infantil como en sénior.

En San Ciprián, o Concello destinará un total de 2.050 euros aos disfraces e comparsas máis orixinais e vistosos. Ditos premios repártense en catro categorías, como son individual, grupos, comparsa xuvenil-infantil e comparsa de adultos, e en cada unha desas categorías concederanse primeiros, segundos e terceiros premios, con diferentes contías.

Ademais, ao remate do desfile todas as persoas que participen na comitiva poderán repoñer forzas na chocolatada que prepararon un grupo de asociacións da vila que colaboraron co Concello neste Entroido. Ditas entidades son a Asociación Cultural Península da Paz, Mujeres de San Ciprián, Os Farillós, o voluntariado da Asociación Alborada, a ANPA do CEIP Cervo nº1, o CIT de San Ciprián, ACIA de San Ciprián e o Club Náutico, que fan posible esta chocolatada.

“Os premios son só unha forma máis de animar aos cervenses a participar no Entroido e de crear expectación por saber cales serán os gañadores, aínda que se trata só de recoñecementos simbólicos para facer os desfiles máis entretidos se cabe” explica a edil de Cultura, Tania González.

Eventos do Entroido 2012

O Entroido comeza mañá Día de Comadres no municipio cervense cunha cea-baile no restaurante O Noso Lar de San Ciprián. Ao día seguinte, o sábado día 18 de febreiro, ás 18:30 horas os protagonistas serán os cativos, que ofrecerán un espectáculo no salón de plenos da Casa Consistorial de Cervo. En concreto, consistirá nun play-back infantil no que os nenos e nenas farán imitacións de artistas de actualidade perfectamente caracterizados.

En canto aos desfiles de disfraces e comparsas, o primeiro terá lugar en Cervo. Será o domingo 19 de febreiro ás 18:00 horas polas rúas da localidade. A comitiva sairá do pavillón da vila, onde unha hora antes se concentrarán todos os participantes. En San Ciprián o desfile celebrarase o Martes de Entroido, o 21 de febreiro, ás 18:00 horas e como xa se anunciou, ao remate haberá chocolatada para as persoas que desfilaran nel.

Exit mobile version