Nota de prensa
MAÑÁ DA COMEZO O ENTROIDO EN BURELA. MÓNICA PEDRE AGRADECE O TRABALLO DAS ASOCIACIÓNS E A COLABORACIÓN DAS EMPRESAS E ESTABLECEMENTOS QUE APORTARON DIVERSOS MATERIAIS PARA QUE ESTA CITA SEXA UNHA REALIDADE.
O Concello foi escenario esta mañá da presentación do programa do entroido deste 2012. A concelleira de Cultura, Mónica Pedre, subliñou que “a participación e a colaboración das asociacións é fundamental para a celebración do entroido, xa que sen eles sería imposible realizar o programa”. A edil popular valorou de xeito moi positivo dito programa “dada a situación económica que estamos a vivir. Desde o Concello agradecemos enormemente a colaboración non só das asociacións, que tamén, senón a das empresas e os establecementos que aportaron distintos materiais para que a celebración deste entroido de 2012 sexa posible”.
Mónica Pedre convidou “a veciños e visitantes a disfrutar das actividades que se van desenvolver ao longo dos vindeiros días. Haberá cea-baile o venres; o domingo teremos infinidade de actividades para os nenos, de 10 a 14 horas na praza da Mariña haberá xogos populares, obradoiro de caretas, antifaces e maquillaxe e pola tarde a partires das 17 horas na praza de abastos terá lugar o baile infantil. O martes será o desfile e o entroido de Burela rematará o mércores co enterro da sardiña. Agardamos que todo o mundo o pase ben na nosa vila”.
No acto de presentación que tivo lugar esta mañá no Concello participaron: Rocío Rivera, presidenta da S.C.R. Ledicia; Teresa Pardo, presidenta da AA.VV. O Vencello; Maro Insua, presidente de ACIA Burela; Elia Trelles, da charanga O millor de cada casa; Mónica Pedre, concelleira de Cultura; e José Mª González Barcia, alcalde de Burela.