A Concellaría de Cultura do Concello de Ribadeo así coma o claustro de profesores e profesoras da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) envían unha sincera felicitación ao alumno do centro e saxofonista da Banda Municipal de Ribadeo, Martín García Lorenzo, como gañador, na modalidade de banda, da IV edición do Concurso de Solistas do Conservatorio Profesional de Música de Lugo. Dende a EMMeD de Ribadeo amosan a súa satisfacción polo resultado obtido por Martín García e confían en que “o esforzo, a adicación ao saxo, pero sobre todo as súas cualidades e talento, á marxe de toda dúbida, axuden a Martín a chegar aló onde el queira no mundo da música”.