Site icon Crónica3.com A Mariña

Gastarán 98 mil euros para demoler os silos do cemento existentes no porto de Burela tras rematar a concesión

Nota de prensa

OS SILOS DE CEMENTO DO PORTO DE BURELA SERÁN DEMOLIDOS EN BREVE. A OBRA TERÁ UN CUSTO DE 98.000 EUROS. A CONCELLEIRA DE MAR, PATRICIA LÓPEZ EIJO, CONSIDERA QUE O ESPAZO PORTUARIO GAÑARÁ EN ESTÉTICA E COMODIDADE.

Burela, 7 de febreiro de 2012. A concelleira de Mar e Medio Ambiente burelesa, Patricia López Eijo, anunciou hoxe que “en breve os silos de cemento que están ubicados na explanada do dique de atraque de barcos de altura do peirao serán demolidos”.

López Eijo indicou que “a concesión, que era propiedade de Cementos Rezola, extinguiuse, co que só cabía a posibilidade que agora se plantexa. De feito, coa chegada ao goberno municipal do Partido Popular xa se lle plantexou a Portos de Galicia a necesidade de demoler os silos, tendo en conta que non existe, desde hai anos, carga e descarga de cemento no porto burelés. Agora, co remate da concesión, estou segura de que imos gañar tanto a nivel estético coma en comodidade, xa que ocupaban o centro da explanada, prácticamente te pegabas con eles de frente, e ao demolerse se gañará en espazo”.

A concelleira de Mar e Medio Ambiente dixo que “a obra ten un custo de noventa e oito mil euros e un prazo de execución dun mes a partires de notificación da concesión da licenza de obra, que xa foi asinada polo alcalde”.

López Eijo recoñece que “no seu momento esta infraestrutura foi de grande importancia para o desenvolvemento do porto de Burela, xunto coas instalacións que tiñan no Penaoural, preto das chabolas. Pero os tempos cambian, e agora o mercado do cemento está esgotado. De feito, a concesionaria xa cerrara as instalacións do Penaoural hai un montón de anos”.

Finalmente, Patricia López Eijo manifestou que “esta actuación vai permitir, xunto con outras que está a realizar ou se concretarán a medio prazo por parte de Portos de Galicia, unha mellora substancial das condicións de uso das instalacións do porto burelés, sempre de acordo co sector pesqueiro e co Concello”.

Exit mobile version