Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 1.500 rapaces de 30 centros educativos coñeceron o patrimonio da provincia grazas ás rutas de Km0

Nota de prensa

Máis de 1.500 rapaces de 30 centros educativos coñeceron o patrimonio da provincia no último ano grazas ás rutas de Km0

– A iniciativa da Deputación esperta o interese dos colexios e institutos como recurso didáctico para amosar ós alumnos os valores culturais e naturais de Lugo, así como as súas características socioeconómicas

– 230 persoas participarán nas rutas desta semana, que discorrerán polos Concellos de Chantada, Palas, Guntín, Viveiro e Sober

O programa Km0.Deputación de Lugo esperta o interese dos colexios e institutos lucenses como recurso didáctico para amosar ós alumnos os valores do patrimonio cultural e natural da provincia, así como as características do seu tecido socioeconómico. Proba dese interese é a cantidade de estudantes que participaron no último ano na iniciativa: máis de 1.500 rapaces de 30 educativos, dos que na súa gran maioría (24) foron colexios de primaria e o resto, institutos de secundaria. Houbo algúns casos que incluso repetiron experiencia, como foron o CEIP de Foz, o colexio Frei Luis de Sarria, o CEIP Otero Pedrayo de Rábade e o IES A Pinguela de Monforte.

Os itinerarios escollidos foron moi variados, dende o eucaliptal de Chavín ou a ría de Ribadeo, ata as pallozas do Cebreiro, O Piornedo, o mosteiro de Samos, a olería de Bonxe, Monforte, O Courel ou as Lagoas de Cospeito. Os centros que se anotaron nos itinerarios entre xaneiro de 2011 e xaneiro de 2012 pertencen a 19 Concellos e son os seguintes: CEIP A Gándara e IES A Pinguela de Monforte; CEIP de Foz; María Auxiliadora, IES A Piringalla, CEIP Menéndez Pelayo, CEIP de Casás, CPR Cervantes de Lugo; IES de Quiroga; CEIP de Chantada; CEIP de Riotorto; CEIP de Outeiro de Rei; IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo; CEIP de Taboada; Colexio Frei Luis e CEIP Antonio Fernández de Oural, en Sarria; CEIP Otero Pedrayo de Rábade; CEIP de Lourenzá; CEIP do Corgo; CEIP de San Clodio de Ribas de Sil; CEIP Lagostelle de Guitiriz; CEIP Vista Alegre de Burela; IES de Monterroso; IES Vilar Ponte de Viveiro; CEIP de Cervantes; CEIP Currelos do Saviñao; Colexio Sagrado Corazón de Ribadeo; CEIP de Bretoña; CEIP de Barreiros e CEIP de As Nogais.

Itinerarios por 5 concellos

En canto á programación desta semana, participarán 230 persoas en 5 rutas, que discorrerán polos Concellos de Chantada, Palas, Guntín, Viveiro e Sober. A primeira tivo lugar hoxe pola Serra do Faro. Un grupo de 24 persoas que se anotaron de xeito individual visitaron o Centro de Interpretación Terras do Miño e, xa en Chantada, as igrexas de Bermún, Requeixo e Mouricios, para finalizar cun paseo pola Serra do Faro. A comida tivo lugar na casa de turismo rural chantadina As Casas.

Para mañá mércores están previstos dous itinerarios, un polos municipios de Palas e Guntín, do que gozarán 48 usuarios do Centro de Convivencia Maruja Mallo de Lugo, e outro por Viveiro, que farán 55 membros da Asociación de Veciños de Tardad, en Vilalba. No primeiro caso, a viaxe comezará no Centro de Interpretación Terras do Miño e continuará en Pambre cunha visita ó Castelo da localidade. Trala comida, que terá lugar no restaurante Parada das Bestas, os participantes achegaranse á igrexa de Vilar de Donas, á Queixería Castelo, e ó Mosteiro de Ferreira de Pallares, en Guntín. No caso dos veciños de Tardad, coñecerán o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación para visitar seguidamente en Viveiro a lonxa de Celeiro, o monte San Roque e o obradoiro Regal Cerámica.

As últimas rutas da semana son o xoves e terán como destino a Zona Sur e A Mariña. Por unha banda, un grupo de 48 usuarios do Centro Social de María Inmaculada de Lugo desprazarase ó Centro de Interpretación Terras do Miño e, tras comer no restaurante Parada Dos de Sober, fará unha travesía en catamarán. Por outro lado, 55 integrantes da Asociación de Pensionistas y Jubilados (UPD) de Baleira coñecerán as instalacións da Fundación TIC. Despois, viaxarán a Viveiro para comer no restaurante Val do Naseiro, visitar a igrexa de Santa María do Campo e pasear polo casco histórico -con paradas nos restos da Muralla e a Porta de Carlos V- e pola praia de Covas.

Exit mobile version