Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela anuncia que en marzo tratarase en pleno a aprobación do PXOM

Nota de prensa

O PLENO PARA A APROBACIÓN INICIAL DO PXOM BURELÉS SERÁ O VINDEIRO 1 DE MARZO. GONZÁLEZ AFIRMA QUE “BURELA PRECISA DESTE DOCUMENTO CANTO ANTES”. O ALCALDE AGARDA QUE “A OPOSICIÓN SEXA COHERENTE E QUE OS VECIÑOS FAGAN APORTACIÓNS POSITIVAS”.

Burela, 22 de febreiro de 2012. O pleno para a aprobación inicial do PXOM burelés será o vindeiro 1 de marzo. O alcalde, o popular José María González Barcia, compareceu hoxe en rolda de prensa no Concello acompañado de boa parte do seu equipo de goberno para anunciar o calendario e o procedemento para a aprobación do Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da localidade. González Barcia dixo que “Burela precisa desta documento canto antes” e agarda que “a oposición sexa coherente”.

Así, o alcalde indicou que o calendario será o seguinte, “mañá, xoves, serán convocadas as comisións informativas de seguemento do PXOM e de asuntos de pleno, que se celebrarán o vindeiro luns, día 27 de febreiro. O mesmo luns, inmediatamente despois de térense celebrado as indicadas comisións, será convocado o pleno extraordinario para a aprobación inicial do PXOM, sesión que se celebrará o vindeiro xoves, día un de marzo”.

Barcia explicou que “a partires de aí, hai que publicar o acordo de aprobación inicial en anuncios na prensa, no Boletín Oficial da Provincia e Diario Oficial de Galicia (DOG). Despois da publicación no DOG, haberá un prazo de exposición pública de dous meses, prazo durante o cal os veciños de Burela poderán consultar o documento nun local que se habilitará ao efecto, e que previsiblemente estaría ubicado na praza de abastos, na pranta de Capitanía, nos locais antes ocupados pola ADL”.

A este respecto, o rexedor anunciou a súa intención de celebrar unha exposición pública aberta a toda a cidadanía, exposición que correría a cargo dos técnicos do equipo redactor do proxecto. A data está sen concretar, pero baráxase a posibilidade que se faga na Casa da Cultura. Durante eses dous meses, ademais de consultar o documento, aqueles veciños que o desexen poderán presentar as alegacións pertinentes, “alegacións que terán que ser atendidas e contestadas todas e cada unha delas”.

O alcalde de Burela sinalou que “posteriormente, o pleno do Concello volverá a reunirse para aprobar provisionalmente, se procede, o documento do PXOM, coas alegacións que se acepten debidamente incorporadas. A continuación, o PXOM será remitido desde o Concello ás distintas administracións competentes para a emisión dos informes que procedan (Xunta de Galicia, Goberno do Estado, Deputación Provincial, etc.)”.

José María González Barcia non quixo marcar prazos para a aprobación provisional e para a aprobación definitiva do PXOM, ainda que afirmou que “a aprobación provisional pode producirse durante o verán. En todo caso farase tan rápido como se poida”.

O rexedor afirmou que “porque Burela precisa deste documento canto antes, o pleno do día un de marzo é, sen dúbida, un dos máis importantes que se teña celebrado no noso Concello, porque nel aprobaremos, se procede, un documento que vai marcar o futuro do noso concello nos próximos anos”.

Barcia manifestou que “este alcalde, este equipo de goberno, cumplen o que din. No seu día manifestamos que o PXOM debería estar aprobado inicialmente no primeiro trimestre do presente ano, e ímolo cumplir. Hai que destacar que houbo que traballar dabondo nestes últimos oito meses para madurar o PXOM e atender aos informes emitidos polo Ministerio de Fomento e pola Xunta de Galicia. Se o informe da Xunta podemos calificalo como ‘asumible’, o de Fomento emitido hai catorce meses non deixaba ningunha dúbida sobre o que había que facer, e así o entendimos. Por eso, estou seguro que é millor ter un plan, ainda que pode que mellorable, que non ter nada”.

Por outra banda, González Barcia asegurou que “as aportacións dos veciños poden ser moi valiosas para enriquecer o documento que imos aprobar inicialmente, e estou seguro que en boa medida así será. Os veciños terán toda a información que queiran sobre o PXOM durante eses dous meses entre as nove da mañán e as dúas da tarde, de luns a venres”.

Finalmente, o alcalde dixo estar convencido de que “os grupos da oposición van ser coherentes e van optar por unha posición constructiva, outro posicionamento non sería entendible”.

Exit mobile version