Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo di que a maioría absoluta do goberno local garante a aprobación dos nomes dos CEIP

Nota de prensa

Alfonso Villares pide reflexión e madurez política ao PSOE cervense

-O alcalde de Cervo bota en falta unha maior colaboración dos socialistas en asuntos como o renomeamento dos centros educativos

-Villares pensa que non é positivo para os veciños que o PSOE se deixe levar por unha rabieta e pide serenidade

-O rexedor lembra que os novos nomes teñen que ter o beneplácito do pleno e a formulación da proposta por parte do goberno local, con maioría absoluta, garante a súa aprobación.

Cervo, 23 de febreiro de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, lamentou hoxe que os cervenses teñan que presenciar actitudes infantís por parte de persoas adultas, facendo referencia ás críticas vertidas polo grupo socialista en relación ao renomeamento dos centros educativos de Cervo. “Dáme verdadeira pena que non exista a responsabilidade e a madurez política que require este asunto”, asegura o rexedor, “e realmente o sinto polos veciños, que sempre son os prexudicados cando a oposición se entretén con xogos de palabras e deixa de lado o sentido común”.

Villares pídelle ao PSOE cervense que “reflexione” sobre as súas críticas e pense se con elas beneficia en algo aos veciños. “Dende o goberno local lanzamos esta proposta sabendo que recolle o sentir do pobo, ao igual que fixemos no seu momento propoñendo a Isaac Díaz Pardo e a Francisco Rivera Casás como fillos adoptivos” explica o mandatario cervense. “Todo responsable político debería saber que o renomeamento dos centros ten que pasar obrigatoriamente polo pleno. A nosa formulación da proposta, como grupo con maioría na corporación, garante a súa posterior aprobación”, engade Villares.

O rexedor recoñece que lle preocupa “a imaxe que proxectamos como concello con este tipo de rabietas, coas que os avances para o renomeamento dos centros quedan en segundo plano a favor de xerar unha polémica que nin sequera existe entre a sociedade. Gustaríame que os socialistas nos tiveran manifestado o seu voto a favor no pleno e así terían amosado aos veciños que lles preocupan os asuntos municipais por riba do rédito político, pero non foi así”.

Villares considera que “todos somos xa adultos como para que nos digan o que temos que facer, pero se os socialistas me permiten un consello, só polo ben de todos, recomendaríalles que se centraran na importancia que ten darlles un nome axeitado aos centros nos que estudan os rapaces e rapazas cervenses, que son o futuro do noso municipio”.

Exit mobile version