Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo pídelle a Patrimonio a documentación sobre un pecio localizado na ría

Nota de prensa

SUÁREZ BARCIA PÍDELLE A PATRIMONIO QUE TODA A DOCUMENTACIÓN QUE REÚNA SOBRE O PECIO LOCALIZADO HAI UNHAS SEMANAS NA RÍA DE RIBADEO SE FAGA CHEGAR AO CONCELLO PARA PODER COÑECER E DIFUNDIR A HISTORIA DO PORTO COMERCIAL.

Ribadeo, 17 de febreiro de 2012. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fixo unha valoración positiva sobre o encontro que mantivo esta mañá en Santiago co director xeral de Patrimonio para analizar o último achádego localizado na ría. Trátase dun galeón de 32 metros de eslora que data do século XVI. Suárez Barcia explicou que Patrimonio xa deu instrucción para realizar unha prospección e recoller toda a documentación posible sobre esta embarcación. O rexedor pedíulle á administración autonómica que toda esa información sexa posta a disposición do Concello co fin de difundir didácticamente entre os nenos e nenas e entre o resto dos veciños a importancia que tivo o porto de Ribadeo e a súa historia.

A Suárez Barcia agrádalle que “desde a Dirección Xeral de Patrimonio xa deran instruccións de facer unha prospección e de reunir toda a documentación dese achádego e despois propoñer unha conservación dese pecio”. O alcalde dixo que “coincido con Patrimonio en que pensar a día de hoxe poder extraer un pecio desas dimensións sería sumamente custoso e aínda que para Ribadeo sería unha boa cousa entendo esta circunstancia. Desde o Concello non temos que facer unha cuestión bélica disto, a pesares de que este diñeiro se sufraga a base de acordos bilaterais entre a Xunta e o goberno do Estado”.

O rexedor ribadense pídelle a Patrimonio que “toda esta información que se saque no futuro máis inmediato, si pode ser durante o 2012, se poida explicar desde un punto de vista didáctico con aproximacións gráficas, documentais, audiovisuais… para que os nenos e nenas de Ribadeo e a xente da nosa vila poida coñecer un pouco máis a nosa historia”. Fernando Suárez subliñou que “o porto comercial de Ribadeo non comezou no século XX, senón que ten varios séculos de antigüidade en diferentes ubicacións ao longo do tempo, pero denota que o comercio de Ribadeo con outros puntos do Estado e de Europa non se remonta a hai corenta anos. Eu pedínlle que toda a información, aínda que teña que eliminar as ubicacións concretas para evitar expolios, a pase ao Concello para que poidamos ter unha exposición permanente, facer exposicións temporais ou contribuir a difundir a nosa historia importante ao longo dos séculos, como se demostra con este pecio de máis de 32 metros de eslora e que está nun estado de coservación bastante bó”.

Exit mobile version