O BAILE DO FAROLIÑO
A vella usanza de farrapentos disfraces, “os entroidos”, foron sustituídos polo desfile de vistosas carrozas e grupos nos que o luxo, a fantasía e o enxeño rivalizan nun amplo mostrario que da lugar a novos motivos de asombro. As comparsas, murgas e charangas, ataviadas con singulares e lucidas vestimentas, lanzan ó ar os alegres sons que envolven lúdicas, báquicas e críticas estrofas que con grande regocixo celebran as xentes inmersas no bacanal presidido pola beleza e a simpatía da Raíña e as súas Donas de Honra, perenne testemuño da fermosura e o engado das nosas mulleres, e que cada ano, ¡ dende hai moitos xa!, trannos á memoria aqueles versos de Campoamor:” Las hijas de las madres que amé tanto/ me besan ya como se besa a un santo”.
O sentido do humor, a ficción e a maxinación teñen no desfile sabatino un lugar prominente , e o conxunto de tódalas aportacións, que convocan a centos de participantes e espectadores, converten o evento nun magno espectáculo sen parangón por estas latitudes.
As prohibicións decretadas nos “anos escuros” que vetaban as manifestacións populares na rúa, propiciaron que foran os locais de esparcemento onde o Carnaval se celebrase con maior esplendor. E así, na memoria de varias xeracións, perdura a lembranza daqueles bailes, tan preñados de animación e alegría, como carentes de medios, que tiveron por marco os xa esquecidos salóns de Ramón María de Cao, La Sociedad, ou salón de Cageao, despois sede da lembrada Peña da Rapadoira, que tivera o seu apoxeo polos anos 60 e o histórico “Bahía”. Foi éste, a principios dos anos 50 quen creara o “faroliño”;.baile-concurso de gran beleza plástica que, executado co esmero e o ceremonial requerido, emulaba o atractivo, a elegancia e vistosidade, o glamour e todo o romanticismo propios dos salóns aristocráticos das cortes europeas de principios do S. XX., nunha sociedade miserenta que soñaba co inalcanzable…
Cada parella dispón dun faroliño veneciano, moi colorista, translúcido, en cuxo interior ubícase unha vela. Encéndense éstas a un tempo e iníciase o baile ó compás precisamente do “Vals das Velas”, de Strauss, situándose as parellas participantes no centro do salón.
Apagadas as luces do local, queda éste iluminado tan só pola luz que proxectan os faroliños que deben sobrepasar as cabezas das/os danzantes o que se consegue facilmente, pois o pequeno farol pendura do extremo dunha variña que serve de soporte ó mesmo.e a outra punta suxeita pola man da moza.
Créase así un ambiente de envolvente fantasía cos elementos que entran en xogo: o corido, a luz que proxectan as velas, sempre tan acolledor, e as notas acariñadoras e nostálxicas da música de Strauss. Segundo os farois se apagan as parellas van retirándose do baile e a última en facelo é a gañadora do concurso, que se celebra en Foz dende hai mais de 60 anos, polo que ten ben gañado o calificativo de “tradicional”. Como anécdota digamos que, por moitos anos, os premios para os ganadores foron un par de medias “de cristal,” para a moza, e unha botella de champan para o rapaz…
* Suso Fernández é o Cronista Oficial de Foz