Nota de prensa
O Bloque de Xove solicita a retirada da cabina telefónica dos taxis por “obsoleta”
Os nacionalistas xovenses presentarán unha moción para que o goberno local se implique na mellora do servizo de taxi no municipio e instale, tamén, sinais verticais nas paradas
O voceiro municipal do grupo nacionalista en Xove, Marco López, entende que a cabina telefónica situada na Avenida Deputación, á altura da Cafetería Mera, “foi utilizada hai tempo polos taxistas do noso municipio, pero na actualidade atópase nun máis que lamentable estado e en completo desuso”. O portavoz do Bloque asegura que este aparello perdeu a súa funcionalidade “por estar obsoleto”, pero tamén porque se atopa instalado “na marxe contraria” da parada.
Asemade, desde o Bloque xovense entenden que é función do goberno local sinalar debidamente a ubicación das liñas oficiais de taxi e velar para que o grande espazo que ocupa a cabina situada sobre a beirarrúa “non provoque molestias aos peóns, tal e como vén acontecendo”.