Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG marniñao e organizacións sindicais reuníronse en Viveiro para analizar as consecuencias da nova reforma laboral

Nota de prensa
O BNG MARNIÑAO E ORGANIZACIÓNS SINDICAIS REUNÍRONSE NA MAÑÁ DE HOXE EN VIVEIRO PARA ANALIZAR AS CONSECUENCIAS DA NOVA REFORMA LABORAL

Para os nacionalistas esta reforma “converte en despido libre a relación contractual entre o asalariado e o empresario”

Os nacionalistas presentáronlle aos sindicatos a súa solidariedade nas mobilizacións sociais

Viveiro, 29 de febreiro de 2012. Os nacionalistas e as organizacións sindicais compartiron unha mesma análise sobre as consecuencias que no mercado de traballo vai ter a entrada en vigor da nova reforma laboral na medida en que “converte en despido libre a relación contractual entre o asalariado e o empresario. Se antes esta relación era de despido barato, a día de hoxe os traballadores quedan sen ningún tipo de protección”, afirmou o vicerresponsable do BNG da Mariña, Xoán Antón Estúa García

Os nacionalistas consideran que “o novo marco das relacións laborais o único que vai provocar é o aumento do desemprego así como a perda de poder adquisitivo para os traballadores e traballadoras. Lonxe de ser unha solución aos problemas da comarca, este marco normativo convértese nun problema engadido. A experiencia das antigas reformas laborais o que nos indican e que estas o único que pretenden é baixar os salarios e deixar en coiros en materia de dereitos ás maiorías sociais”.

Na mesma xuntanza, nacionalistas e sindicatos analizaron a problemática específica da crise na nosa comarca do que é un dato revelador o feito de que o desemprego aumentou un 100% desde o ano 2008 ata a data de hoxe. “A Mariña sitúase por riba da media estatal e tamén da galega no ámbito da destrución do emprego, encabezando esta estatística non os sectores ligados á promoción ou á construción, senón a propia industria. Se antes da crise o tecido industrial da Mariña era xa minúsculo, cunha elevada exposición ó ladrillo, que representaba o 18% do PIB, no momento actual o tecido industrial semella xa un recordo do pasado” afirmou Estúa.

Xa por último, os nacionalistas indicaron que “cómpre demandar das diferentes administracións un cambio de rumbo en materia de política económica que debe pasar por situar o emprego como eixo central de actividade e que se debe concretar nun plan de reindustrialización da Mariña que teña en conta a necesidade de diversificación da actividade para diminuír a dependencia fronte a Alcoa, unha garantía por parte do goberno do Estado a fin de facilitar ó complexo alumineiro un réxime de tarifas que lle permita competir nos mercados internacionais, e por último plans de acompañamento social para aqueles concellos máis golpeados pola crise.

Os nacionalistas aproveitaron a xuntanza para presentarlle aos sindicatos a súa solidaridade nas mobilizacións sociais.

Exit mobile version