Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pídelle ao alcalde de Barreiros que convoque o pleno ordinario que tiña que celebrarse en xaneiro

Nota de prensa:

O BNG PÍDELLE AO ALCALDE DE BARREIROS QUE CONVOQUE O PLENO ORDINARIO QUE TIÑA QUE CELEBRARSE EN XANEIRO. OS NACIONALISTAS ASEGURAN QUE DESDE QUE SE INICIOU O MANDATO NON SE APROBARON AS ACTAS DAS SESIÓNS E SUBLIÑAN QUE SE ESTÁ A DIFICULTAR A LABOR DA OPOSICIÓN.

Barreiros, 3 de febreiro de 2012. O BNG de Barreiros pídelle a Alfonso Fuente que faga efectiva a convocatoria do pleno ordinario que tería que terse celebrado o pasado luns. Os nacionalistas advirten de que levan desde que se iniciou o mandato sen aprobar as actas e que non reciben as actas das comisións de goberno desde hai máis dun ano.

Segundo os nacionalistas “os plenos son a única ocasión na que podemos enterarnos, levemente, dalgunha información do Concello mediante as preguntas que se lle formulan ao Alcalde na propia sesión; xa que a información que levamos solicitado por rexistro e verbalmente nos rogos dos plenos aínda non nos foi facilitada na súa inmensa maioría.” Ademais, consideran que “non é de recibo que, desde que comezou o mandato en xuño do ano pasado, non se aprobaran máis actas que a do primeiro pleno celebrado en Barreiros. O resto das actas dos plenos non foron aprobadas nin tampouco facilitadas, a pesares de telas requerido nos rogos de varios plenos”, engadiu Ana Ermida, portavoz do BNG no Concello de Barreiros.

Igualmente, os nacionalistas denuncian que non se lles facilitan as actas da comisións de goberno, “que é onde se adoptan a maioría das decisións que afectan ao goberno do Concello”, dende hai máis dun ano. “Deste xeito, resulta bastante complicado facer a labor da oposición, que se supón que ten que coñecer as cuestións máis relevantes da xestión municipal para poder facerlles seguimento”. No grupo municipal do BNG estánse a interesar pola política de persoal do equipo de goberno.

Desde o BNG aseguran que “con esta actitude o Alcalde popular está a impedir que este grupo poida realizar a labor que lle corresponde de xeito normal, impedindo a labor de fiscalización e control do goberno municipal, ocultando e dándolle un obscurantismo absoluto á súa xestión.”

Exit mobile version