Site icon Crónica3.com A Mariña

O CEIP de Cervo acolleu hoxe o desenvolvemento dunha actividade sobre artesanía coa seda

Nota de prensa

O CEIP DE CERVO ACOLLE O DESENVOLVEMENTO DUN PROGRAMA SOBRE ARTESANÍA E CREACIÓN DE MANUFACTURAS EN CENTROS ESCOLARES

Na actividade, impulsada pola Consellería de Economía e Industria en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, participaron preto dun cento de rapaces

Cervo, 6 de febreiro de 2012.- O CEIP de Cervo acolleu hoxe o desenvolvemento dunha actividades sobre artesanía coa seda. Esta iniciativa promovida a través da colaboración da Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Cultura e Educación, contou coa participación de preto dun centro de rapaces.

A iniciativa, denominada Enredando, artesanía na escola, é un proxecto da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente do departamento de Economía e Industria e, precisamente na xornada de hoxe, a xerente da devandita fundación, Elena Fabeiro, visitou o centro e puido presenciar in situ o desenvolvemento das actividades. Acompañada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e por persoal do departamento territorial de Educación, Fabeiro asistiu á realización dalgún dos talleres de manufacturas que se inclúen neste programa.

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño distribuíu entre as aulas escollidas o material e as ferramentas necesarias para desenvolver o proxecto, no que, nas súas primeiras unidades didácticas explícaselles aos rapaces, dun xeito práctico, como é o proceso de obtención da seda, facéndoos participar activamente implicándose no seu desenvolvemento.

Segundo se indicou, este proxecto ten como fundamento acercar a artesanía aos escolares, un obxectivo para o que non hai mellor camiño que a práctica. É así como os rapaces, a través de demostracións de artesáns no propio centro, visitas de obradoiros e outras actividades transversais aos programas escolares, se achegan ao día a día dos profesionais da artesanía galega.

Con este proxecto, búscase concienciar á sociedade do valor do produto feito á man, comezando polos máis novos, así como presentarlle aos rapaces que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral e, na medida do posible, actuar tamén para atallar o problema da falta de relevo xeracional nos oficios máis tradicionais e promover o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores.

Enredando, artesanía na escola, é un proxecto enfocado a educación infantil primaria e secundaria de diferentes colexios da nosa comunidade. Na provincia de Lugo, este proxecto estará tamén en colexios de Barreiros, Lugo e Sober.

Exit mobile version