Site icon Crónica3.com A Mariña

O CIM de Ribadeo informará sobre a integración das empregadas do fogar no réxime xeral

Nota de prensa

O CENTRO DE INFORMACIÓN ÁS MULLERES INFORMARÁ SOBRE OS CAMBIOS ANTE A INTEGRACIÓN DAS EMPREGADAS DO FOGAR NO RÉXIME XERAL.

Ribadeo, 10 de febreiro de 2012. O Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo informará sobre os cambios ante a integración das empregadas do fogar no réxime xeral. O 18 de novembro entrou en vigor o decreto-lei que moderniza a relación laboral do servizo no fogar familiar que ata o de agora rexíase por unha lei que se remontaba a 1985. O decreto aprobado non supón a aplicación do Estatuto dos Traballadores ás traballadoras do fogar. As condicións seguen sendo inferiores, pero son un importante paso cara adiante no recoñecemento dos dereitos ao traballo doméstico asalariado.

Desde o CIM sinalan que “este decreto-lei regula o traballo das empregradas do fogar mediante o que se establece que cobrarán en metálico alo menos o salario mínimo interprofesional e contarán cunha xornada máxima semanal de carácter ordinario de cuarenta horas”.

No Centro de Información ás Mulleres indican que “a integración das empregadas do fogar no réxime xeral supón unha equiparación nalgúns dereitos e deberes coas restantes persoas traballadoras. Aquelas que traballen como empregadas do fogar, ao ser dadas de alta na seguridade social deben ter un contrato por escrito no que como mínimo se estipule: número de horas de traballo semanais; salario mensual ou por hora, salario en especie; se existe ou non pacto de pernoctación e a súa retribución e o número de conta bancaria do/a titular familiar onde domiciliar a cotización”. Este cambio normativo entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro de 2012 e dáse un prazo de seis meses naturais para que as empregadas e as persoas titulares de fogares familiares(empregador/a) poidan adaptarse á nova situación coa que a integración será plena a partir do 1 de xullo de 2012. A partir desa data, a Inspección de Traballo actuará de oficio e a instancia de parte no caso de detectar a persoas traballando nun fogar sen estaren dadas de alta. O pacto de non asegurar á traballadora a cambio de pagarlle algo máis de salario non ten ningunha validez.

Desde o CIM engaden que “se establece un período transitorio ata o ano 2019 para que a adaptación non sexa lesiva para as e os empregadores nin teña consecuencias sobre o emprego. Polo de agora, non se contempla que as empregadas vaian a ter dereito a cobrar o paro. Co cal, haberá que seguir demandando Igualdade real entre estas traballadoras do fogar e o resto das persoas traballadoras”.

O Centro de Información ás Mulleres pon á avogada á disposición dos empregadores e empregadoras e mais das traballadoras do fogar para clarexar as dúbidas que teñan respecto á nova normativa, “podemos axudarvos coas nóminas, modelos de contrato, etc. Xa sabedes que podedes contactar co servizo, por teléfono no 982.120 739, por correo electrónico (cim@ribadeo.org) ou ben presencialmente no Auditorio Municipal Hernán Naval, 1º andar”·.

Exit mobile version