Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo Ollomao de Barreiros busca participantes e colaboradores para representar unha obra teatral

NOTA DE PRENSA

O COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO BUSCA PARTICIPANTES E COLABORADORES PARA A REINTERPRETACIÓN DA OBRA TEATRAL “OS VELLOS NON DEBEN NAMORARSE”.

O Colectivo barreirense convoca a todas as persoas que queiran participar a unha xuntanza para o sábado, 3 de Marzo, ás 19:30 horas no edificio do Canteiro, en Benquerencia.

Barreiros, 16 de Febreiro de 2012. Unha das actividades saídas da Asemblea Xeral celebrada a primeiros de ano, foi a posta en escena novamente da obra teatral escrita por Castelao e representada por veciñas e veciños de Barreiros no ano 1971 en San Miguel de Reinante.

Segundo explica a Presidenta do Colectivo, Tamara Rubiños Varela, “é un xeito de recoñecer a importante labor cultural e dinamizadora que desenvolveu naquela época o Plantel da Extensión Agraria. E tamén é un xeito de recoñecer a todas aquelas persoas, algunhas que xa non poden acompañarnos, pola súa inquedanza cultural e polo tempo adicado a pór en valor a cultura galega.”

O colectivo barreirense pretende facer unha nova representación de “Os vellos non deben namorarse”, adaptada aos tempos actuais e á xente que participe. Neste sentido, pretenden que participe xente que xa o fixo na representación inicial e xente nova que teña interese na actividade teatral. “O que pretendemos é, ademais de dar unha oportunidade a aquelas persoas que teñan interese en formar parte dunha representación teatral, lograr unha relación interxeracional entre as persoas que participen. Entendemos que esta cuestión é moi importante nos tempos actuais, cando o individualismo e a falla de coñecemento do noso pasado priman na sociedade”, sinalan desde Ollomao.

A xuntanza inicial para ver as persoas interesadas en participar terá lugar o sábado, 3 de Marzo, ás 19:30 horas no Canteiro, en San Pedro de Benquerencia. “Queremos que acudan á xuntanza do 3 de marzo todas aquelas persoas que teñan interese en participar, non só como actrices ou actores, senón tamén para elaborar os decorados, os vestiarios, na música, nas luces ou calquera outra participación ou aportación que consideren que poden facer”, explica a Presidenta do colectivo. “Nesta xuntanza contaremos coa presenza de profesionais do sector que nos axudarán a poñer en escena a obra e a adaptala ás necesidades do grupo que se xunte. Ademais, a súa colaboración estenderase no tempo, durante a preparación da obra”, informan desde o Colectivo barreirense.

O Plantel da Extensión Agraria: o xerme da actividade cultural.

Nos anos 70, cando a actividade cultural estaba baixo o punto de mira das autoridades do momento, en San Miguel de Reinante nacía un grupo multidisciplinar baixo o paraugas do Plantel de Extensión Agraria. Ademais de grupos de traballo nos que se estudaba a realidade daquel entón desde diversas perspectivas e, incluso a edición dun boletín, puxeron en marcha un grupo de teatro que comezou coa posta en escena de Os vellos non deben namorarse, a obra teatral de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A súa estrea foi no ano 1971, nunha xornada na que tiveran que facer dúas representacións debido ao éxito de público. Posteriormente, representaron tamén outras obras como A fiestra baldeira, de Rafael Dieste. O éxito do grupo teatral levounos a estender as súas representacións por outros puntos da xeografía galega, chegando incluso a participar na primeira mostra de teatro de Ribadavia.

Exit mobile version