Nota de prensa
GONZÁLEZ BARCIA E NÚÑEZ TORRÓN REUNIRÁNSE EN BURELA A VINDEIRA SEMANA PARA ANALIZAR A POSIBLE COLABORACIÓN DO CONCELLO E A FUNDACIÓN EXPOMAR E A FUNDACIÓN FEIRAS E EXPOSICIÓNS DE LUGO.
O rexedor explicou que “onte mantivemos na capital unha xuntanza co director xerente da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo para analizar posibles canles de colaboración entre a Fundación Expomar e o Concello de Burela e a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo. Somos as únicas dúas fundacións existentes na provincia que estamos a ter actividade e creo que é bó empezar a dar a pasos neste sentido”. González Barcia sinalou que “onte foi a primeira conversa, hai vontade por parte duns e doutros e para empezar a concretar as distintas posibilidades a vindeira semana teremos unha xuntanza aquí en Burela co presidente executivo da Fundación Feiras e Exposicións de e tamén presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Eduardo Núñez Torrón, con representantes municipais de Burela e da Fundación Expomar”. O encontro será o martes, 7 de febreiro, ás 12.30 da mañá.
O alcalde burelés relatou que esta colaboración podería ser en base a dous eixes, “por un lado, a colaboración en materia de persoal e de infraestructuras, que é importante, xa que a Fundación Feiras de Lugo conta cunha boa dotación neste sentido. E por outro, a posibilidade de que Fundación Expomar estea presente tamén no recinto feiral de Lugo e que a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo poida organizar certames feirais aquí en Burela en colaboración coa Fundación Expomar ou co Concello”. González Barcia poñía como exemplo que “se pode trasladar a feira Produart, que nós facemos o primeiro fin de semana de agosto en Burela, en outubro en Lugo coincindo co San Froilán”.
O rexedor indicou que “deste tema xa falamos a pasada semana co presidente da Cámara de Comercio de Lugo e non é nada malo que haxa colaboración entre as dúas fundacións e o Concello de Burela, porque somos as únicas entidades que promovemos e realizamos eventos feirais. Lugo fai de 30 a 35 feiras ao ano e si algún deses eventos se pode traer a Burela nós considerarémolo positivo e si o que nós facemos o podemos levar a Lugo tamén sería positivo, porque suporía a promoción do conxunto do concello de Burela na capital”. Barcia subliñou que “hai moitos cidadáns de Lugo que veñen pasar as fins de semana ou as súas vacacións á costa, e polo tanto non hai que perder de vista a idea de poder captar clientela potencial nese ámbito”.