Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo, Alcoa e a comunidade de montes Bidueiras colaboran na reforestación de bosque autóctono

Nota de prensa

O Concello de Cervo, Alcoa e a comunidade de montes Bidueiras colaboran nun proxecto de reforestación de bosque autóctono

-O proxecto desenvólvese no monte de Bidueiras nun área de 6.500 metros cadrados

-As actuacións xa comezaron coa corta de eucaliptos e a retirada das raíces

-Nas vindeiras semanas procederase á plantación de árbores de especies como o carballo, o bidueiro ou teixo

Cervo, 29 de febreiro de 2012-O Concello de Cervo, a empresa Alcoa e a comunidade de montes Bidueiras están traballando conxuntamente nun proxecto de mellora forestal que consiste en converter un eucaliptar situado no monte de Bidueiras nun bosque autóctono. En concreto, o ámbito de actuación atópase nun monte de man común de case 6.500 metros cadrados de superficie que se atopa nun área próxima á Igrexa parroquial de Cervo.

O proxecto xa está en marcha e comezou hai uns meses coa corta dos eucaliptos existentes nese terreo. A actuación máis recente produciuse entre esta semana e a pasada, cando tivo lugar o destoconamento das cepas de eucalipto, é dicir, a retirada das raíces para evitar o rebrote das árbores. O seguinte paso a dar nesta iniciativa será a reforestación da área coa plantación manual de árbores de especies autóctonas propias do bosque atlántico como bidueiros, carballos ou teixos entre outras. Uns traballos que está previsto que se desenvolvan nas vindeiras semanas e nos que participarán escolares do municipio cervense, voluntarios de Alcoa e un grupo de expertos na materia.

Esta mesma semana reuníronse os representantes das distintas entidades colaboradoras no proxecto para avanzar nel e perfilar a data dos traballos de reforestación, que tal e como destacou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares “terán un impacto moi positivo na paisaxe do noso concello a medio e longo prazo”. Cabe destacar que o futuro bosque autóctono está situado sobre a Igrexa parroquial, uns terreos visibles dende a entrada á vila de Cervo. O rexedor e a concelleira de Medio Ambiente, Begoña Alonso, deron as grazas tanto á empresa Alcoa, que financia o proxecto, como á comunidade de montes Bidueiras, a titular do terreo, “por compartir unha filosofía de respecto e coidado do noso medio natural e de recuperación das especies arbóreas da Mariña que lle devolvan ao municipio a súa paisaxe propia”.

Lembrar que se trata do segundo proxecto de mellora forestal no que colaboran o Concello e a comunidade de montes Bidueiras. Na anterior ocasión a reforestación foi financiada pola Xunta e realizárase nunha superficie de 6 hectáreas de monte.

Exit mobile version