Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo e a cerámica de Sargadelos preparan un proxecto educativo-cultural para os escolares

Nota de prensa:
O Concello de Cervo prepara con Sargadelos un proxecto educativo-cultural pioneiro na provincia

-Esta mesma semana varios membros do goberno local mantiveron unha reunión co responsable de Sargadelos para seguir avanzando no proxecto

-O goberno local prevé dar a coñecer esta primavera todos os detalles da iniciativa

-O Concello liderará este proxecto que terá lugar nas instalación municipais do conxunto histórico-artístico de Sargadelos

O Concello de Cervo leva meses traballando xunto con Sargadelos nun proxecto educativo e cultural que se desenvolverá nas instalacións municipais do conxunto histórico-artístico desta fábrica. A iniciativa, pioneira en Lugo, estará dirixida aos escolares de toda a provincia e estará cargada de contidos que nestes momentos están sendo deseñados, como poden ser actividades de animación á lectura onde os cativos e rapaces poderán coñecer e afondar na historia de Cervo e da cerámica de Sargadelos. Unha programación que, segundo o alcalde, Alfonso Villares, “será rica, dinámica, continua ao longo de todo o ano, e ademais incluirá métodos didácticos que permitan aprender de forma entretida”.

Para o rexedor cervense, este proxecto novidoso nace coa filosofía de “potenciar a historia de Sargadelos como un referente cultural de Galicia. Pensamos que o seu legado non debe quedar circunscrito a Cervo ou á Mariña, senón que ten que chegar a toda Galicia. E por iso, os mellores destinatarios destas actividades son precisamente os máis novos, xa que son os que se están formando e nas súas mans está o futuro da nosa sociedade”.

O goberno local agarda ter elaborado o proxecto nesta próxima primavera, e deste xeito dalo a coñecer ao público antes de poñelo en marcha. Polo momento, esta mesma semana o rexedor cervense e as edís de Educación, Yolanda Pedreira e de Xuventude, Pilar Álvarez, reuníronse co responsable de Sargadelos, José Luis Vázquez, co obxectivo de seguir dando pasos en firme. Esta última é unha das moitas xuntanzas que o goberno local vén mantendo nos últimos meses cos distintos entes implicados. Un proxecto que lidera o Concello de Cervo no que ademais de Cerámica de Sargadelos tamén está colaborando o Concello de Santiago, que achega persoal de apoio.

Exit mobile version