Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo ocultou aos veciños que a auga de consumo non foi potable no pasado mes de novembro, asegura o PSOE

Nota de prensa

O CONCELLO DE CERVO OCULTOU AOS VECIÑOS QUE A AUGA DE CONSUMO NON FOI POTABLE NO PASADO MES DE NOVEMBRO

-Os populares mentíronlle ós veciños sendo coñecedores das anomalías, “cos datos de novembro na man, na prensa do día 6 de decembro, insistían en que a auga era apta para o consumo”

-O GMS pide explicacións ó Concello pola súa irresponsabilidade ó ocultar estes datos, “poñendo en perigo a saúde de tódolos veciños, especialmente, ós nenos, anciáns e mulleres embarazadas”

CERVO, 1 DE FEBREIRO. Os socialistas de Cervo aseguran que o alcalde, Alfonso Villares, e o seu equipo de goberno ocultaron ós veciños que a auga non era apta para o consumo no mes de novembro do pasado ano. “Comprobamos esta información a través do rexistro de entrada e saída do Concello e na páxina web do SINAC, Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo”.

Grazas a estes documentos, “puidemos verificar as nosas sospeitas e constatamos que o goberno municipal do Partido Popular mentiu a tódolos cervenses cando aseguraban na prensa, a día 6 de decembro, cos datos de novembro na man, que tódolos controis sanitarios indicaban que estabamos dentro dos parámetros dunha auga apta para o consumo”.

Os membros do Grupo Municipal Socialista afirman que o Concello ten contratado o servizo de toma de mostras para a realización de probas analíticas na rede de abastecemento de auga e billa de consumidor cunha empresa especializada, “empresa que lles comunicou a detección de incumprimentos no parámetro SUMA THMs nos resultados das probas de novembro. Estábase superando o máximo permitido”.

Subliñan que “as mostras, que foron tomadas na zona da Atalaia, en San Ciprián, o día 16 de Novembro e sucesivos, mostraban que os parámetros citados superaban o límite máximo permitido, pero nin o señor Villares nin ningún outro membro do goberno alertaron á poboación do que estaba ocorrendo. Todo o contrario, non só ocultaron eses datos senón que mentiron a tódolos cervenses, pois sendo coñecedores dos resultados, seguiron insistindo en que a auga era totalmente apta para o consumo”.

O Concello só comunicou esta información á empresa Espina y Delfín para que fixeran as correccións oportunas ante as anomalías detectadas, sen embargo, “non comunicaron as novas á poboación, infrinxindo o RD 140/2003 de 7 de febreiro, artículo 4.6, que obriga a informar aos veciños se a auga non é apta para o consumo co fin de evitar os riscos que poidan afectar á protección da saúde humana”.

Dende o GMS piden explicacións ó Concello e á concelleira de sanidade, Begoña Alonso, “pola súa irresponsabilidade na ocultación de información á cidadanía, poñendo en risco a saúde dos veciños e veciñas e especialmente á poboación máis débil, coma son nenos, anciáns e mulleres embarazadas”.

Devolución dos recibos

Con estas premisas, os socialistas solicitaron que “o Concello faga posible a devolución dos importes dos recibos da auga dos meses nos que se detectaron as anomalías. Non podemos consentir que os veciños teñan que pagar por unha auga nestas condicións, e de ningunha maneira que apliquen o brutal incremento que tiñan previsto para o prezo da auga”.

Exit mobile version