Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo comezou un curso de palillar, complemento ao Encontro de Palilleiras

Nota de prensa:
Arrinca o curso de palillar que ofrece o Concello de Cervo

-A actividade é gratuíta e constitúe un complemento ao Encontro de Palilleiras

-As alumnas que participan perfeccionan as súas destrezas guiadas por Modesta Lombardero

-A mestra ensina técnicas propias da zona da Mariña

Cervo, 15 de febreiro de 2012-O curso de palillar que organiza o Concello de Cervo por segundo ano consecutivo xa está en marcha. Onte martes foron as alumnas da capital cervense as que comezaron a practicar este traballo tradicional coa axuda da experta Modesta Lombardero, e hoxe pola tarde é a quenda da aula de San Ciprián. Unha actividade gratuíta e concibida como un complemento ao Encontro de Palilleiras que se adoita celebrar no mes de marzo en San Ciprián e cuxos detalles daranse a coñecer nos vindeiros días.

As clases impartiranse durante tres meses, no caso de Cervo serán todos os martes no Ecomuseo, mentres en San Ciprián desenvolveranse os mércores na Casa da Cultura. O curso estaba aberto a todos os públicos, aínda que nesta edición a maior parte das alumnas xa saben palillar e incluso participaron anteriormente noutros cursos para aprender a facer encaixe. Modesta Lombardero encárgase entón de guialas e axudalas a perfeccionar e mellorar as súas destrezas, sempre baseándose na técnica propia da zona.

“Tanto con este curso como co Encontro de Palilleiras pretendemos contribuír a manter e potenciar unha tradición artesanal moi arraigada no noso concello que hai que manter viva, e a mellor forma de facelo é seguir practicándoa, a través deste curso, ou facela visible, a través do Encontro que vén sendo un éxito nos últimos anos” explica a edil de Xuventude e Igualdade, Pilar Álvarez.

Exit mobile version