Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo contará con perfís institucionais nas principais redes sociais

Nota de prensa:

O CONCELLO DE RIBADEO CONTARÁ CON PERFÍS INSTITUCIONAIS NAS PRINCIPAIS REDES SOCIAIS. ALÉN DAS CONTAS XENÉRICAS DO CONCELLO TAMÉN TERÁN ESPAZOS OS DEPARTAMENTOS DE IGUALDADE, CULTURA, MOCIDADE, DEPORTES E DESENVOLVEMENTO LOCAL. O PROCESO COMPLETARASE COA ACTUALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN DA WEB MUNICIPAL.

Ribadeo, 11 de febreiro 2012. “Abrir novas canles de comunicación coa cidadanía a través da rede e achegar a administración á comunidade co fin de poder ofrecer respostas máis rápidas e eficaces ás súas demandas”. Este é, en palabras do edil responsable de Mocidade e Sociedade da Información, Xavier Campos, o obxectivo que persegue o Concello de Ribadeo coa apertura dunha serie de perfís “institucionais” en diferentes redes sociais.

O Concello de Ribadeo contará cun espazo xenérico en Facebook (baixo o nick Concello de Ribadeo), Twitter (@ConcelloRibadeo), Youtube (Concello de Ribadeo) e Flickr (Concello de Ribadeo) que se suma aos perfís das delegacións de Igualdade (@RibadeoMuller en Twitter e Ribadeo Muller en Facebook), Deportes (Deportes Ribadeo en Facebook), Cultura (Cultura Ribadeo en Facebook), Axencia de Desenvolvemento Local (ADL Ribadeo en Facebook) e Mocidade (@MocidadeRibadeo en Twitter e Mocidade Ribadeo en Facebook). Os diferentes perfís estarán activos ao longo desta fin de semana e funcionarán a “pleno rendemento e ao dispor das veciñas e veciños de Ribadeo a partires do luns 13 de febreiro”.

“Nun momento no que a cidadanía reclama sentirse escoitada, tamén a través das redes sociais, o Concello de Ribadeo, como administración máis próxima a ela, ten que estar presente na internet e facer desta unha ferramenta máis de traballo no día a día”, apunta Xavier Campos. Os perfís nas redes sociais do Concello de Ribadeo nacen baixo tres principios básicos, “compartir información, escoitar demandas, propostas ou suxerencias e conversar, dando resposta ás cuestións que se formulan”.

Outra das vantaxes da presenza activa na rede á que alude Xavier Campos é a proximidade. “No medio prazo veremos como moitas dúbidas, demandas de información ou incluso trámites se poden solucionar cun só click, sen necesidade de achegarse ás dependencias municipais facendo máis cómoda e efectiva a relación entre administración e cidadanía”. Todo elo, sinala o responsable de Mocidade e Sociedade da Información do Concello ribadense, “sen que a calidade do servizo público que se ofrece “se vexa mermada”.

Alén da creación dos perfís nas redes sociais tamén se vai poñer en marcha nos vindeiros días un proceso de dinamización e actualización da páxina web do Concello de Ribadeo co fin de “facela máis útil e atractiva para a cidadanía”. Así mesmo, tamén se crearán espazos específicos de comunicación na rede (weblogs) de diferentes áreas do Concello, caso de Mocidade ou Cultura, que se van unir ao xa existente RibadeoMuller.

Exit mobile version