Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo e o observatorio Ramón María Aller da USC organizan unha charla sobre astronomía

Nota de prensa

O CONCELLO E O OBSERVATORIO RAMÓN MARÍA ALLER DA USC ORGANIZAN UNHA CHARLA SOBRE ASTRONOMÍA E UNHA OBSERVACIÓN PÚBLICA DO CEO DE RIBADEO. SERÁ O VENRES, 10 DE FEBREIRO, A PARTIRES DAS 20 HORAS.

Ribadeo, 7 de febreiro de 2012. O vindeiro venres, 10 de febreiro, a Concellaría de Medio Ambiente e máis o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha xornada de observación astronómica. Dita actividade estaba prevista para desenvolver no marco da Semana da Ciencia, pero retrasóuse no seu día por motivos meteorolóxicos.

O edil nacionalista Horacio Cupeiro explicou que “o vindeiro venres faremos na Casa das Letras unha charla sobre astronomía e despois teremos unha observación pública no parque de San Francisco para divisar o ceo de Ribadeo e concretamente Venus, Xúpiter, a nebulosa de Orión e algunha estela dobre”. A charla, que terá unha duración duns 45 minutos, está organizada polo Concello de Ribadeo e polo observatorio Ramón María Aller de Santiago de Compostela e está financiada polo FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía). Na conferencia intervirán o director do observatorio Ramón María Aller da USC e catedrático desa universidade, José Ángel Docobo, “que foi nomeado o ano pasado presidente da Comisión de Estrelas Dobres e Múltiples da Unión Astronómica Internacional” e tamén Pedro Pablo Campo Díaz, profesor da USC.

Cupeiro dixo que “desde o Concello invitamos a todos cantos veciños queiran acudir á charla que será na Casa das Letras o venres ás 20 horas e despois á observación astronómica”. Recoméndase ir provistos de roupa de abrigo así como de prismáticos ou telescopios “a quen dispoña deles”.

Exit mobile version