Nota de prensa:
A CONCELLARÍA DE SAÚDE E SERVIZOS SOCIAIS VEN DE CREAR EN FACEBOOK A PÁXINA ADICCIONS ZERO RIBADEO PARA INFORMAR Á POBOACIÓN DOS PROGRAMAS QUE ESTÁ A DESENVOLVER A ÁREA DE PREVENCIÓN DE DROGODEPENDENCIAS.
Ribadeo, 28 de febreiro de 2012. A Concellaría de Saúde e Servizos Sociais ven de crear en facebook a páxina Adiccions Zero Ribadeo para informar á poboación dos programas que está a desenvolver a área de prevención de drogodependencias e outros trastornos adictivos.
A edil nacionalista Teresa González Piñeiroa asegura que “con esta ferramenta a área de prevención de drogodependencias pretende achegarse a persoas e usuarios desta rede social para fomentar un trato directo e continuo. O obxectivo é informar dos programas que se están a realizar nos centros de ensino ao longo deste curso como Solarius, Praeventio, Puzzle, Enrédate con xeito… as datas, os lugares de celebración, os horarios, os alumnos implicados e os obxectivos que persegue cada un deses programas”.
A concelleira de Saúde e Servizos Sociais indica que “tendo en conta o obxectivo primordial desta Concellaría que é o benestar físico, mental e social da cidadanía, pretendemos que esta páxina sexa moi informativa e que nela se vaian dando conta das últimas novas sobre prevención tanto de drogas-substancia como doutras adiccións a internet, ás redes sociais, ás compras, ao móvil… É unha páxina dirixida non só á xente moza, senón tamén a todas as persoas interesadas nunha vida saudable”.
González Piñeiroa convida “a todos e todas a visitar esta páxina para estar ao día nesta cuestión e para que deixedes as vosas suxestións, opinións, propostas…”.
Na actualidade o programa de prevención de drogodependencias do Concello ribadense traballa cos centros de ensino de Trabada, Barreiros, A Pontenova e Barreiros.