O Concello proporá os nomes de CEIP Díaz Pardo para o centro de Cervo e CEIP Rivera Casás para o de San Ciprián
-A proposta será trasladada nos vindeiros días aos consellos escolares de ambos centros
-O goberno local tivo en conta que tanto Díaz Pardo como Rivera Casás son fillos adoptivos do municipio
-O alcalde considera que se trata dun cambio necesario que ademais lle outorgará identidade aos centros
Cervo, 19 de febreiro de 2012-. O grupo de goberno de Cervo deu hoxe a coñecer a súa proposta para nomear aos centros educativos de infantil e primaria do municipio. Así, segundo a proposición do Concello, o CEIP Cervo pasaría a denominarse CEIP Díaz Pardo e o CEIP nº1 de San Ciprián chamaríase CEIP Rivera Casás. Ambas propostas serán trasladadas aos correspondentes consellos escolares nos vindeiros días. Unha vez posto en coñecemento e aprobado por ditos organismos, o seguinte paso será o debate e aprobación no pleno da corporación. Por último será a Consellería de Educación a que lle dea o visto e prace definitivo que permita efectuar o cambio oficial dos nomes.
O goberno cervense considera que as novas denominacións dos colexios son necesarias para evitar confusións entre ambos nomes e ao mesmo tempo “pretendemos que lle outorguen aos centros a súa propia identidade” explica o alcalde, Alfonso Villares. En canto á elección destes nomes, “consideramos que son os máis axeitados tendo en conta que se trata de dúas personaxes ilustres que foron nomeados fillos adoptivos de Cervo”, asegura Villares.
O rexedor destaca que para o goberno local “foi toda unha satisfacción poder homenaxear en vida a Isaac Díaz Pardo e a Francisco Rivera Casás xa que neses actos puideron sentir o agarimo e o afecto que lles teñen os cervenses”. Deste xeito, segundo Villares, “que os centros educativos podan levar os seus nomes é unha homenaxe máis que lles queremos facer despois do seu pasamento e ao mesmo tempo, sería unha honra que os nosos colexios recibisen o nome de dúas persoas tan excepcionais e que deixaron unha grande pegada no noso concello”.