Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo de acción costeira A Mariña-Ortegal e a Deputación de Lugo promoverán o turismo mariñeiro

Nota de prensa:
O GRUPO DE ACCIÓN COSTEIRA A MARIÑA – ORTEGAL E A DEPUTACIÓN DE LUGO PROMOVERÁN O TURISMO MARIÑEIRO

O principal obxectivo desta proposta é crear unha marca única para promover este tipo de turismo en todo o territorio que abrangue este Grupo de Acción Costeira

Antonio Veiga considera que “se trata dunha boa iniciativa que permite dinamizar o noso turismo e fomentar dun xeito particular a nosa cultura”

San Cibrao, 18 de febreiro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga e o presidente do Grupo de Acción Costeira A Mariña – Ortegal (GAC1), Basilio Otero, presentaron na mañá de hoxe, no Museo Provincial do Mar, en San Cibrao, unha proposta para fomentar o turismo mariñeiro na comarca da Mariña, inspirado en proxectos como o de Mar de Lira, que supuxo un gran éxito para sortear a crise da pesca.

Esta proposta ten como principal obxectivo crear unha marca única de Turismo Mariñeiro para promover o territorio do GAC1 como un todo. Con esta “marca” preténdese diversificar a actividade do sector pesqueiro e incrementar os seus ingresos así como o número de novos turistas, aumentar as estancias medias dos visitantes e fomentar o turismo activo e promover a súa desestacionalización.

Para conseguir estes obxectivos, o GAC1 propón actuacións como a implementación do Club de Turismo Mariñeiro “Mar Galaica” no ámbito territorial do GAC1, a adaptación do Estándar Finisterrae a este territorio, establecer contactos informativos con todos os axentes implicados no sector pesqueiro, hostaleiro, restaurador e empresas de turismo activo, co fin de conseguir a súa implicación neste proxecto. Ademais, pretenden formar aos axentes interesados para desenvolver as actividades establecidas no Estándar e desenvolver estratexias de promoción e comercialización do produto implantado.

Para a elaboración desta proposta levouse a cabo un estudio previo coa organización de varias actividades de dinamización realizadas nos portos de Celeiro, Burela e Ribadeo, a modo de probas piloto de Turismo Mariñeiro. Estas actividades, denominadas “Xornadas de Turismo Mariñeiro”, organizáronse tendo en conta os recursos máis representativos da zona e ofreceron aos participantes a posibilidade de coñecer de primeira man, a través das xentes do mar, o día a día dos seus traballos, así como outros aspectos relacionados coa súa cultura e a súa forma de vida. Realizáronse visitas organizadas nas instalacións e escenarios habituais onde se desenvolven as actividades pesqueiras e marisqueiras: embarcacións artesanais de baixura, embarcacións que faenan en augas do Gran Sol, distintas lonxas durante a subhasta e primeira venda dos produtos pesqueiros, bancos marisqueiros, confrarías de pescadores e tódolos vestixios histórico culturais relacionados coa cultura mariñeira.

Veiga recoñeceu que “dada a situación que estamos vivindo, é importante poñer enriba da mesa novas ferramentas para dinamizar a nosa economía, o noso turismo e dun xeito tan particular fomentando a nosa cultura, como é esta iniciativa que se presentou por parte do Grupo de Acción Costeira A Mariña – Ortegal”.

Exit mobile version