Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Alfoz anuncia que votará favorablemente á elaboración dun estudo que analice a fusión entre os concellos de Alfoz e Valadouro

Nota de prensa

Os populares sinalan que facer unha análise técnica e económica da fusión sempre foi a postura que eles defenderon mentres que, pola contra, foi o BNG quen cambiou de criterio

O PP votará favorablemente á elaboración dun estudo que analice as vantaxes e consecuencias da fusión entre os concellos de Alfoz e Valadouro

? Dan á benvida aos nacionalistas despois de que, tras un novo bandazo, teñan recuperado o sentido común e tras defender a fusión incondicional estean agora dispostos a que se estuden as vantaxes e consecuencias de unir ambos concellos.

A Mariña, 16 de febreiro de 2012.- O Partido Popular de Alfoz votará favorablemente á elaboración do estudo técnico e económico sobre as vantaxes e consecuencias que traería unha posible fusión deste concello co veciño municipio de O Valadouro.

A moción que, deste xeito, sairá aprobada no pleno previsto para este venres -día 24- pide á Xunta de Galicia e á Deputación provincial que analicen en sendos documentos as consecuencias de unir ambas localidades nunha única administración local.

Os populares queren deixar claro que facer estes estudos foi sempre a postura defendida polo Equipo de goberno de Alfoz, xa que ao tratarse dunha decisión destas características e de tanta importancia “non podía tomarse á lixeira, senón despois de sopesar e valorar moi distintos factores”. Pola contra -insiste o PP- foi o BNG, o que ten amosado a súa falta de criterio, modificando a súa postura practicamente a diario.

No Partido Popular de Alfoz queren dar a benvida “á racionalidade e ao sentido común” ao BNG despois de que, “tras un novo bandazo” agora xa non defendan -con intransixencia- impoñer a fusión a toda costa e de xeito incondicional, non sen antes coñecer os resultados deste estudo sobre as vantaxes, inconvenientes e consecuencias de unir ambos concellos.

Exit mobile version