Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo reúnese con presidentes das AA.VV. para estudar o traballo a realizar nas parroquias

Nota de prensa

A coordinación e o consenso entre o Grupo político e os veciños son as liñas de traballo a seguir polo PP local

O Partido Popular de Mondoñedo reúnese cos presidentes das AA.VV. para estudar o traballo a realizar nas diferentes parroquias

Membros do Grupo Popular manterán esta semana xuntanzas informativas cos veciños de Masma, Estelo e Santa María Maior

O PP detecta desinformación no tema de Rede Natura así como ausencia total de comunicación no tema de legalización de edificacións no rural

Mondoñedo, 14 de febreiro de 2012- O Partido Popular de Mondoñedo emprende unhas pautas de traballo caracterizadas polo consenso e a coordinación entre o grupo municipal e os distintos sectores e veciños da localidade. Para elo, manterá xuntanzas cos presidentes das Asociacións Veciñais das distintas parroquias de Mondoñedo, tanto para resolver dúbidas en relación ás medidas que se están a levar a cabo polas administracións como para coñecer as demandas trasladadas dende o rural e estudar a resolución dos problemas que lles trasladen.

O Partido Popular de Mondoñedo asegura que se está a desinformar en relación á prosposta de ampliación do mapa de Rede Natura. O grupo municipal tamén fala de ausencia total de comunicación no tema de legalización de edificacións no rural. Ante esta situación, o PP local ponse a disposición dos veciños para trasladarlles a información necesaria e resolver as dúbidas imperantes.

Na parroquia de Estelo, a presidenta local do Partido Popular, Elena Candia, xunto con outros membros da xunta, reuníronse onte coa directiva da Comunidade de Montes Estelo e Tronceda para informalos das xestións que solicitaron a Medio Rural. Durante a reunión, os membros do Grupo Popular e os veciños planificaron unha xuntanza informativa sobre a Rede Natura e en relación a posibilidade de legalizar instalacións pola disposición transitoria da Lei do Solo.

Outras xuntanzas

Pola súa banda, hoxe en Masma o PP planificará tamén co presidente da asociación de veciños unha serie de sesións informativas nas que se convocarán aos veciños para explicarlles a temática sobre a Rede Natura e en relación a concentración parcelaria da parroquia.

Mentres, mañá en Santa María Maior o tema a tratar xirará en torno á constitución do deslinde co Concello da Pastoriza.

Exit mobile version