Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo pide que o alcalde que achegue aos veciños medidas de prevención contra os roubos

Nota de prensa:

O PP PÍDELLE Ó ALCALDE DE RIBADEO QUE “FALE MENOS E FAGA MÁIS” POLA SEGURIDADE DOS VECIÑOS

O Grupo Municipal do Partido Popular comparte co Alcalde e o seu equipo de goberno e, de seguro, con tódolos veciños do concello de Ribadeo unha fonda preocupación pola vaga de roubos que están a acontecer no noso pobo nos últimos tempos.

Temos a completa seguridade de que o que está a pasar non é culpa nin dos propietarios nin das forzas de seguridade nin, por suposto, do alcalde pero estamos convencidos de que a reacción do goberno municipal pode contribuír a crear seguridade ou, pola contra, e como está sucedendo, un fondo sentimento de alarma e inseguridade.

O Alcalde, como xa lle dixemos en varias ocasións, ten entre as súas responsabilidades o tratar de evitar, no posible, que estes roubos sucedan ou, cando menos, poñer tódolos medios ó seu alcance para fomentar a seguridade cidadá. Desde o Partido Popular consideramos que desde o goberno municipal estase a errar na reacción ante estes sucesos. En un primeiro momento, o Alcalde chamou á vecindade a tomar medidas para tratar de evitar os roubos acudindo ós medios de comunicación para dicir “teñan coidado”. Parécenos importante extremar as precaucións e que cadaquén contribúa na medida en que poida á súa propia seguridade pero non nos ofrece moitas garantías que ésta sexa a solución que aporta quen ten que salvagardar a de todos. Por outra banda, non parece lóxico esta recomendación xenérica senón que existen unhas medidas de prevención específicas recomendadas polas autoridades que sería sinxelo achegar á poboación a través de bandos ou anuncios na prensa escrita.

Posteriormente, en unha desafortunada intervención tras unha nova serie de sucesos, o Alcalde afeaba a conduta da Garda Civil reprochándolle que, cando algo sucedía, non avisaba á Policía Municipal. Isto resultou, ó noso entender un absoluto despropósito pois non viña máis que a sementar nos cidadáns unha desconfianza nos corpos de seguridade que afondaba, si cabe, na sensación de indefensión e perigo. A función do Sr. Alcalde de Ribadeo é, precisamente, a de coordinar a actuación de quen está para protexernos e sería o máis lóxico que, de atopar algunha deficiencia de comunicación debería establecer os mecanismos para evitala, promovendo reunións periódicas entre os responsables ou nomeando un coordinador que sirva de ponte, ou de calquera outro xeito que non fora acudir ós medios para poñer en entredito o labor do corpo de seguridade do estado.

No día de onte, asistimos atónitos a unha nova reacción impropia do máximo responsable do noso Concello que nos informa que convocou ó Subdelegado do Goberno para unha xunta local de seguridade. Esta actuación xa foi proposta polo Grupo do PP fai dous meses sen que, polo que parece, o Alcalde fixera NADA. Por outra banda, parécenos unha falla de responsabilidade á que, por desgraza, xa nos ten acostumados, escorrer o vulto cargando a situación sobre as costas dunha persoa que ten tomado posesión do seu cargo fai 15 días.

O Partido Popular, desgraciadamente, non ten a chave das noces para poñer fin a esta situación que se está volvendo insostible, pero temos a seguridade de que, desde o Concello se pode facer moito para tratar de evitala e pedímoslle ó Alcalde que se poña mans á obra. Fai un tempo que xa lle pedimos que elaborara un plan de aforro enerxético que racionalizara o uso do alumeado público preservando a seguridade dos veciños pero, como é habitual, non nos escoitou ou fíxoo coma quen oe chover porque non se tomou medida ningunha e seguimos aforrando a costa de apagar farolas ó chou e deixar nas rúas o ambiente idóneo para quen quere actuar sen ser visto.

Tamén nos parecería lóxico, dada a evolución da situación, que se activara un dispositivo especial na Policía Local dotándoo, se fora preciso, de máis medios persoais e materiais. Desde o Concello poden promoverse acción informativas dirixidas a particulares e negocios sobre aspectos que poidan mellorar a seguridade. Existe en algunhas cidades un sistema que, mediante un programa informático cos datos dos establecementos comerciais, no momento en que se produce a comunicación por parte dun establecemento dunha alarma, envíase automaticamente ó resto un aviso para que, de producirse un incidente, poidan ser evitados outros e, incluso, se poida capturar ós ladróns.

En definitiva, pedímoslle encarecidamente, ó goberno municipal que, chegados a este punto, comecen a actuar para loitar contra a proliferación de roubos porque ata o de agora non se está facendo absolutamente nada. Existen múltiples fórmulas que, se ben non poden garantir que non se produzan sucesos, sí poden facer moito por tratar de evitalos. Os ribadenses comezamos a estar profundamente preocupados pola situación e o que non nos merecemos é que o concello non actúe.

Exit mobile version