Nota de prensa
O PP DE RIBADEO RECLAMA O ARRANXO DE PISTAS RURAIS
Fai unhas semanas o Grupo do PP no Concello de Ribadeo presentou no rexistro do concello un escrito dirixido ó Alcalde no que lle expoñía unha proposta de actuacións a incluír no PEIM Rural que financia a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente do goberno de España e que conta con unha dotación de arredor de 72.000 Euros. A pesares da impostura de colaboración e consenso que se esforza en amosar o Sr. Suárez cara á galería, non se ten recibido resposta ningunha pola súa parte. É por esta falla de atención do goberno nacionalista que hoxe se amosa á opinión pública mediante fotografías tomadas na pasada semana o estado de algunha das pistas rurais que se lle reclamaba que fosen atendidas para buscar o apoio dos ribadenses ás nosas reivindicacións que, lonxe de ser demagóxicas ou baseadas nunha opinión subxectiva, son froito da constatación da realidade que hai fóra do despacho da alcaldía como se demostra nas imaxes. Consideramos dende o Grupo Popular que a función que temos encomendada por parte dos ribadenses é amosar ó goberno municipal as necesidades que o noso concello ten e facémolo con absoluta responsabilidade en tanto que o acompañamos dunha proposta de solución real e que non castiga á caixa municipal. A situación é tan absurda como que no concello hai un problema (neste caso unha pista pola que practicamente non se pode circular), nós comunicámoslle ó Alcalde que existe este problema, cal é a solución e onde ten o diñeiro para acometela sen que o Concello gaste tan só un euro pero nin así conseguimos que se actúe.
O equipo de goberno amosa unha actitude ben distinta no que respecta á atención ás vías de comunicación que son da súa titularidade da que toma cando as deficiencias ou necesidades están na rede da Xunta ou do estado. Todos fomos testemuñas da celeridade coa que o Alcalde se fixo eco da petición do PP no pleno de Xaneiro do arranxo dos baches da A-8, enviando unha carta inmediatamente ó Ministerio de Fomento e un comunicado ós medios de comunicación obviando, curiosamente, a nosa iniciativa na reivindicación. Tamén terá que recoñecer o Alcalde a rápida resposta do Goberno estatal do PP que en un tempo récord atendeu a demanda. Outro caso de reivindicación mediática foi a necesidade da colocación dunha bionda na estrada Reme-Villamar á altura de Remourelle para tratar de evitar a proliferación de accidentes que se estaban a producir neste tramo. Por certo, a reivindicación foi debidamente atendida pola Xunta de Galicia, titular da vía. Estes sinxelos exemplos poñen ás claras que o Alcalde actúa como xa nos ten acostumados: cando a responsabilidade sobre o problema é dos demais el é o primeiro en criticar e reclamar, pero cando é el mesmo quen ten que asumir as responsabilidades ou ben simplemente non fai nada ou se escuda na precaria economía municipal. O único que lle temos visto facer no que vai de lexislatura a este goberno municipal é eludir responsabilidades, queixarse, subir impostos e gastar no que non debe.
Pedímoslle pois, dende o Grupo Municipal do PP de Ribadeo ó Alcalde e ó seu equipo de goberno que observen con atención as imaxes fachendosas da súa absoluta despreocupación pola zona rural e que comecen a asumir a tarefa que os ribadenses lles encomendaron o pasado mes de Maio poñéndose a traballar na solución dos problemas dos veciños e na eficiente xestión dos recursos para a mellora da nosa calidade de vida.