Nota de prensa
A voceira de Conservación da Natureza, Emma Álvarez, presentou unha proposición non de lei instando a elaboración dun estudo que afonde nas causas do descenso da poboación desta especie
O GRUPO POPULAR DEMANDA Á XUNTA A ADOPCIÓN DAS MEDIDAS NECESARIAS PARA INCREMENTAR A PRESENZA DE TROITAS NO RÍO EO EN A PONTENOVA
Santiago, 25 de febreiro de 2012.- A portavoz de Conservación da Natureza do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, vén de presentar unha proposición non de lei a través da que solicita que a Xunta de Galicia a realización dun estudo que afonde nas causas do descenso da poboación de troitas do río Eo, no seu tramo alto de A Pontenova, co obxectivo de adoptar as medidas necesarias para cumprir coas condicións dos hábitats e facilitar o desenvolvemento desta especie.
Álvarez Chao, que visitou o tramo do río Eo que pasa por A Pontenova en compañía do portavoz do Partido Popular nesta localidade lucense, David Jorge García García, subliña “o preocupante descenso de troitas que se está a producir neste río, que se pon de manifesto no volume de capturas recollidas para a celebración da Festa da Troita, que pasou de superar os 90 quilogramos hai uns anos a pouco máis de 15 quilogramos na última edición”.
TRES CAUSAS DA ESCASEZ
“Segundo manifestan os propios veciños da zona, esta escasez de troita vén motivada por tres motivos principais: o incremento dos tramos sombríos no río, a suciedade existente en moitos puntos e a abundancia de carpas que devoran as troitas”, sinalou a voceira do Grupo Popular.
Emma Álvarez sinalou, ademais, que esta situación “está a afectar directamente na economía de concellos como A Pontenova ao verse truncados os ingresos procedentes da práctica da pesca de troitas polo descenso desta especie, polo que entendemos que volver o río ao estado orixinal suporía unha reactivación económica da zona vinculada ao turismo”.
Entre as medidas que se podería adoptar, a voceira do Grupo Popular avanzou que “deberían levarse a cabo accións de limpeza e conservación do río Eo, así como un proceso de repoboación de troitas para conseguir elevar a presenza desta especie e que A Pontenova volva convertese nun punto de referencia para todos os amantes da pesca e da degustación deste peixe”.