Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP opúxose á proposta do BNG para manter o servizo de ambulancia 24 horas nos concellos de Foz, Valadouro e Barreiros

Nota de prensa:

O PP OPONSE A MANTER O SERVIZO DE AMBULANCIA ASISTENCIAL DURANTE 24 HORAS NOS CONCELLOS DE FOZ, VALADOURO E BARREIROS TAL E COMO PROPUÑA O BNG

Manuel Parga lamenta que os populares preferisen submeterse ás esixencias curtopracistas de aforro do seu partido en vez de satisfacer as demandas dos cidadáns

Santiago de Compostela, 3 Febreiro 2012.- O PP opúxose hoxe no Parlamento a instar ao goberno a rectificar e manter o servizo de ambulancia asistencial que dá cobertura preferente aos concellos de Foz, Valadouro e Barreiros durante as 24 horas do día, tal e como propuña o BNG nunha proposición non de lei.

O deputado nacionalista Manuel Parga lamentou o sentido do voto dos populares e advertiu que con esta iniciativa se tentaba satisfacer as demandas dos cidadáns afectados, antepoñer a vida das persoas ao aforro, por iso fixo un chamamento para que o grupo que sustenta o goberno se sumara á proposta, non se submetera ás esixencias cortopracistas do seu goberno.

Parga advertiu que non se pode xustificar a supresión do servizo de ambulancias apelando ás ambulancias medicalizadas porque, por exemplo na Mariña, só existe unha unidade destas características, que ten que facer un traballo complementario non sustitutivo.

O parlamentar lembrou que a poboación afectada é de máis de 15.000 habitantes, aos que hai que engadir asistencias en casos excepcionais nos concellos de Mondoñedo, Burela, Ribadeo ou Trabada, ademais de visitantes e residentes non censados, que son potenciais usuarios deste servizo.

Para Parga, non se pode esquecer tampouco que esta medida de supresión das ambulancias tamén afectou a concellos da provincia de Pontevedra, polo que se pode falar de máis de 50.000 persoas afectadas, “cando o mantemento e mellora dos servizos asistenciais debera ser preocupación permanente dun Goberno nun momento no que semella que os recortes en servizos públicos xa é un fin en si mesmo”.

Exit mobile version