Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP preguntará na Deputación polo Plan de Pequenas Obras de Infraestructura

Nota de prensa

O Partido Popular de Lugo preguntará no vindeiro pleno provincial, do día 28 de febreiro, cando prevé a Deputación facer público o anuncio da convocatoria do Plan de Pequenas Obras de Infraestructura.

Este interrogante débese a que a área de cooperación e asistencia aos Concellos da Deputación de Lugo presenta de forma anual, dentro da súa unidade de plan especiais, a convocatoria do Plan de Pequenas Obras de Infraestrutura, pero, durante a anualidade 2011, a data límite de presentación das solicitudes foi o 28 de febreiro de 2011 e o anuncio da convocatoria ten data do mes de xaneiro.

Debido a isto o partido popular, no nome da súa voceira provincial, Elena Candia, preguntará no pleno, cando prevé o organismo provincial facer público, neste ano 2012, o anuncio desta convocatoria para a concesión de subvencións destinadas á realización de pequenas obras de infraestruturas en concellos de Lugo de menos de 5.000 habitantes.

Ao Partido Popular preocúpalle esta demora, respecto a pasadas anualidades, na que está incurrindo a Deputación Provincial de Lugo á hora de anunciar a convocatoria deste tipo de axudas ao tratarse de subvencións que permiten cofinanciar, nos concellos de baixa recadación económica, obras que contribúen a unha mellora na calidade de vida dos veciños. Esta liña de subvencións integra axudas para a realización de arranxos de pequena envergadura como poden ser a adecuación de beirarrúas, praciñas ou alumeados, que pese ao seu baixo custo económico, permiten satisfacer necesidades de gran calado nos concellos.

Dende o Partido Popular interpretan que este retraso á hora de anunciar a convocatoria do plan é unha mostra máis da pouca implicación do organismo provincial con parte dos municipios de Lugo.

Coñecedores das demandas e constantes preguntas pronunciadas por rexedores dos concellos que poderían optar a esta liña de axudas, o Grupo Popular quere saber cal é a intencionalidade da Deputación de Lugo e con que prazos está a xogar para dar saída a esta convocatoria.

Exit mobile version