Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Xunta di no funeral dos policías mortos na Coruña que “hai tres heroes que non imos esquecer nunca”

Nota de prensa:

O presidente da Xunta asistiu esta tarde ao acto de condecoración, a título póstumo, coa Medalla de Ouro ao Mérito Policial a Rodrigo Maseda, un dos policías falecido na praia coruñesa do Orzán

FEIJÓO: “NON IMOS ESQUECER NUNCA QUE HAI TRES HEROES QUE ESTÁN NA MEMORIA COLECTIVA DO POBO DE GALICIA”

Agradece todos os medios que o Goberno de España, a Xunta e o Concello da Coruña puxeron a disposición para recuperar os corpos dos tres funcionarios públicos do Corpo Nacional de Policía
Destaca as mostras de solidariedade recibidas desde toda España durante todo este proceso

Burela (Lugo), 3 de febreiro de 2012.- “Non imos esquecer nunca que hai tres heroes que están na memoria colectiva do pobo de Galicia”. Con estas palabras, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quixo recordar aos tres policías falecidos a pasada semana na praia coruñesa do Orzán.

Feijóo, que asistiu esta tarde ao acto de condecoración, a título póstumo, coa Medalla de Ouro ao Mérito Policial a Rodrigo Maseda, un dos policías falecidos, afirmou que o pobo galego non vai esquecer que hai tres persoas que deron a vida nun acto de servizo. As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e, neste caso, a Policía acaban de acreditar que son persoas que están adestradas para salvar, incluso poñendo en risco a súa propia vida. E estas cousas, que ás veces as esquecemos, lamentablemente témolas que recordar cunha traxedia desta natureza”.

O presidente galego quixo agradecer todos os medios que o Goberno de España, a Xunta e o Concello da Coruña puxeron a disposición para recuperar os corpos dos tres funcionarios públicos do Corpo Nacional de Policía. “Agradecer ao Ministerio do Interior a decisión, desde o primeiro momento, na mobilización de medios e tamén a decisión de conceder unha medalla de ouro a título póstumo para que os seus causahabientes poidan ter un recordo permanente da súa folla de servizos”.

Por último, o presidente do Goberno galego quixo agradecer ao alcalde de Burela e ao alcalde de Friol “o agarimo que tiveron, desde o primeiro momento, coas familias”; así como as mostras de solidariedade recibidas desde toda España durante todo este proceso “porque estes policías –concluíu-, non os podemos esquecer, forman parte da gran obra que fan todos os días os policías nacionais e a Garda Civil”.

Exit mobile version