Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo denuncia o estado lamentable da estrada de acceso ao cemiterio de San Román

Nota de prensa:
O PSOE DE CERVO DENUNCIA O ESTADO LAMENTABLE NO QUE SE ENCONTRA A ESTRADA DE ACCESO Ó CEMITERIO DA PARROQUIA DE SAN ROMÁN

-Grazas á iniciativa dos veciños e á colaboración da Deputación de Lugo “foi posible a creación dunha área de descanso e aparcamento ó lado do camposanto. Seguimos esperando que o Concello arregle a pista de acceso”

-Subliñan que o señor Villares prioriza os intereses privados ó servizo público pois “investiu 20.000 euros en arreglar un camiño que vai a un monte particular e o tramo que continúa ó cemiterio segue abandonado”

CERVO, 24 DE FEBREIRO. Os socialistas de Cervo denuncian o estado de abandono no que se encontra a estrada de acceso ó cemiterio da parroquia de San Román. “É lamentable a xestión do equipo de goberno en materia de vías municipais. Despois de tódolas melloras feitas nos arredores do camposanto, o único do que se tiña que preocupar o Concello era de arranxar o acceso, pero os veciños seguen esperando”.

Os membros do Grupo Municipal Socialista lembran que “grazas a unha iniciativa dos veciños e á colaboración da Deputación de Lugo foi posible crear unha área de esparcemento ó lado do cemiterio, dotalo dunha entrada adecuada e dunha zona de aparcamento da que carecía. É unha pena que despois de mellorar toda esa zona, teñamos que soportar o mal estado da estrada de acceso. O único que tiña que facer o Concello para rematar a iniciativa dos veciños era adecentar esta pista e finalizar así a mellora de toda a zona. Pero Villares prefire solucionar temas doutro interese, e non nos referimos precisamente ó interese público”.

O señor alcalde prioriza o servizo privado ós servizos públicos pois “en lugar de amañar a estrada ó cemiterio, transitada por tódolos veciños, decide acometer os arranxos nunha pista de acceso a un monte privado. A estrada que se dirixe ó camposanto ten un punto común coa pista que nos leva ó monte, pero por motivos descoñecidos, Villares decide investir 20.000 euros en arreglar o acceso ó monte particular e deixar o tramo que continúa ó cemiterio como está. Consideramos que os veciños e veciñas teñen o dereito de recibir algunha explicación”.

Entenden que “en épocas de bonanza económica se poidan realizar todos estes traballos, pero cando se ten que priorizar, non ten ningún sentido que se gasten os cartos públicos nunha pista que utiliza un veciño e non nunha estrada pola que pasan a maioría dos cervenses. Esta decisión carece de todo sentido, non hai unha idea e mentalidade clara de traballo. Ponse de manifesto, unha vez máis, a falta de compromiso e traballo deste equipo de goberno a prol dos veciños e veciñas”.

Exit mobile version