Nota de prensa
OS SOCIALISTAS RECLAMAN Á XUNTA A CONVOCATORIA DE ELECCIÓNS NAS CONFRARÍAS DE PESCADORES
Marisol Soneira critica a falla de iniciativa da Xunta diante da situación irregular de moitos dos pósitos, que levan dende decembro de 2009 en situación de interinidade
Santiago de Compostela, 02 de febreiro de 12. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que a Xunta convoque eleccións nas confrarías de pescadores, pendentes dende a aprobación da Lei de Pesca en decembro de 2009.
Soneira presentou unha Interpelación para que o Goberno galego dea conta diante do Pleno do seu “lamentable desleixo” fronte a unha situación de interinidade inexplicable. Apunta que este impasse, “que era entendible nun período de tramitación lexislativa, deixa de selo cando hai confrarías que teñen amplamente superado o seu mandato e cando hai situacións conflitivas latentes en moitas delas”.
Por estes motivos, reclama á conselleira de Pesca que explique “cándo ten pensado convocar as eleccións para renovar os órganos de dirección das confrarías galegas”, ademais de explicar “cales son as razóns obxectivas que impediron, ata o de agora, a convocatoria delas”.
Sinala que o goberno está a actuar cun nivel de discrecionalidade “claramente excesivo” neste caso, malia que a anterior Lei de Pesca de 2008 permitía “de xeito excepcional” que a duración do mandato destes órganos de goberno “estenderase ou acurtarase á data da convocatoria, e a partir dela unificarase o calendario electoral para todas as confrarías de Galicia”.