Nota de prensa
O SERVICIO DE PREVENCIÓN MANOMUNADO MAR SEGURO DE GALICIA, CREADO POLAS FEDERACIÓNS PROVINCIAIS DE CONFRARÍAS GALEGAS, INCREMENTOU O NÚMERO DE ASOCIADOS EN 2011 NUN 20% E AMPLIOU O SEU ÁMBITO DE TRABALLO Á ZONA DA MARIÑA
O servizo de prevención mancomunado da asociación Mar Seguro de Galicia (SPM-MSG) foi creado polas tres Federacións Provinciais de Pescadores para ofrecer unha solución a tódalas embarcacións de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, cun servizo de alta calidade a un custe moi reducido.
Actualmente o SPM-MSG presta servizo a case 600 embarcacións de todo Galicia. Neste último ano ampliouse o ámbito de traballo do servizo á zona da Mariña, onde cada día son máis os que desfrutan deste servizo.
Para poder asociarse ó SPM-MSG, as empresas só teñen que cumprir un requisito, pertencer a unha das 62 confrarías galegas.
Tódalas embarcacións mancomunadas no SPM-MSG cumpren a lexislación vixente en canto a materia preventiva se refire. Os asociados teñen as súas avaliacións de riscos e plans de prevención totalmente actualizados, están en todo momento informados e asesorados preventivamente e teñen a súa formación en prevención de riscos ao día.
Dende o SPM-MSG queremos recordar que están obrigadas a ter plan de prevención tódalas embarcacións, excepto as que os seus únicos tripulantes sexan os armadores.
O SPM-MSG completa a súa actividade preventiva coa realización de diferentes proxectos. O pasado ano, MSG colaborou co Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), na realización dun estudo epidemiolóxico no que participaron máis de 1100 mariscadoras de tódalas confrarías de Galicia, que pasaron polos servizos médicos do ISSGA co obxectivo de someterse a un recoñecemento médico gratuíto, tal como estaba solicitando o colectivo.
Un dos proxectos que tivo máis relevancia no ano 2011 foi a formación en prevención de riscos laborais, onde se involucraron a 210 empresas, formando a máis de 300 traballadores, o que computou case 20.000 horas de formación.
Tamén no 2011, o SPM-MSG publicou dúas guías. A primeira “Prevención de riscos laborais no sector da baixura”, recompila as normas básicas de seguridade dirixida aos traballadores galegos da pesca, o marisqueo e a acuicultura. E a segunda “Guía de percebeiros”, que sairá a luz o próximo mes, e que analiza o traballo dos percebeiros dende un punto de vista preventivo.
E por último, tamén no 2011, MSG en colaboración coa Federación Provincial de Confrarías de Lugo elaborou a guía “Protocolos de izado de embarcacións con Sublift-25”, financiada pola Consellería de Traballo. O Sublift-25 é un sistema de izado de embarcacións semisumerxible que utilizan na Confraría de Burela. Esta guía foi repartida na confraría de Burela aos distintos usuarios do Sublift e nela defínense os protocolos de traballo que se deben cumprir no manexo deste equipo co fin de protexer ás persoas e ás cousas dos riscos de accidentes que poidan producirse como consecuencia do funcionamento e utilización de dito aparato.