PROPAGANDA OU REALIDADE EN XOVE
Unha desas promesas que levan tempo cacareando é a da construción de vivendas sociais para a xente nova, pero á hora da verdade o seu partido (o PP) votou no 2010 en contra dos pisos de protección solicitados para Xove polo grupo do BNG no Parlamento galego e, en troques, concedéronllas ao Concello de Trabada. Hai un par de meses, no 2011, os populares volveron opoñerse na cámara autonómica, outra volta, á aprobación de vivendas sociais para o noso municipio.
A inmediata consecuencia desta medida é que os mileuristas temos que vivir onde podemos e non onde queremos. Así e todo é moi doado criticar os xovenses que vivimos “obrigados” noutros concellos, sobre todo cando algúns dirixentes do executivo local cobran salarios de máis de 3.000€ e que, axudados das dietas ás que nin renuncian nin renunciarán, con crise ou sen ela, se achegan aos 4.000 euros mensuais. Con semellante salario, houbo quen se apurou a facer un chalé a pé de praia antes de aprobar o Plan de Ordenación do Litoral promovido polo seu propio partido e que lle prohibe ao resto dos mortais construír obra nova, por exemplo, en Portocelo. Hoxe lémbrome daquela famosa letanía de “o alcalde estase a enriquecer” que tanto pregoaban os de agora, aló polo ano 2006, a respecto do de antes.
O día 12 de novembro do 2007 o grupo municipal do PP presentou unha moción en Xove reclamándolle ao anterior goberno da Xunta de Galicia a apertura do dique norte de Alcoa, o corredor Barreiros-Ferrol, a ampliación do Hospital da Costa, vivendas sociais, plans pesqueiros e un longo etcétera. Ese mesmo mes o seu propio partido votou en contra da ampliación do polígono industrial de Camba e das vivendas sociais para Xove. Manda truco.
Xosé Lois Iglesias Pérez