Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o PSOE o goberno de Cervo volve mentir pois un informe indica que varios análises deron resultados anómalos na auga da traída

Nota de prensa:

A CONCELLEIRA DE SANIDADE VOLVE A MENTIR POIS UN INFORME DESVELA QUE FORON VARIAS AS ANALÍTICAS DA AUGA CON RESULTADOS ANÓMALOS

-Begoña Alonso asina un informe, con data 7 de decembro, no cal lle comunica á Consellería de Sanidade que “durante varios días, non só un como dixo nos medios, as probas amosan parámetros anormais de THMs”

-Os socialistas esixen responsabilidades “pois non é a primeira vez que minten en temas de saúde pública e piden que se non teñen ganas de traballar que se vaian e deixen o sitio para outros que sí as teñen”

CERVO, 3 DE FEBREIRO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo considera alarmante que o goberno siga mentindo ós veciños día tras día co estado da auga. Insisten en que “no mes de novembro a auga non foi apta para o consumo, así o constataba o SINAC, Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo, e os informes do rexistro de entrada e saída do Concello. E en ningún momento, nin a delegación de sanidade, nin o alcalde de Cervo, avisaron á poboación afectada pola situación.”

Os socialistas destacan que “son sorprendentes as declaracións da concelleira de sanidade, Begoña Alonso, cando asegura que foi algo puntual e que as seguintes probas que fixeron non mostraron anomalías. Nun informe enviado á Consellería de Sanidade, informe que ela mesma asinou con data 7 de decembro, afirma que durante varios días as analíticas deron parámetros anormais de THMs, superando os límites establecidos. A día 6 de decembro, aseguraba na prensa que tódolos controis sanitarios indicaban que estabamos dentro dos parámetros dunha auga apta para o consumo e ó día seguinte enviaba este informe. A señora Alonso mentía e volve a mentir outra vez, non lle chega con asumir un erro senón que segue engañando ós cervenses, unha vez máis.”

Os membros do GMS cren que o Concello de Cervo non está a defender os intereses dos veciños, pois “minte aínda sendo coñecedor da situación e oculta información unha e outra vez sobre temas relacionados coa saúde pública. E ésta parece ser a maneira habitual de actuar ante casos así, o pasado mes de agosto, tampouco alertaron de que o estado das augas en Rueta non era apto para o baño.”

Coa saúde non se xoga e o Concello de Cervo, coa súa actitude irresponsable, o único que xenera é incertidume e alarma. Lémbranlle a Begoña Alonso que “nós temos claro o que temos que facer, o labor de control ó goberno, pero non temos tan claro que ela saiba ben coma facer o seu traballo. Se está farta de que a oposición faga o que ten que facer, como afirmou nalgún medio, que se vaia e deixe o asento para outros que sí temos ganas de traballar e loitar polo noso concello”.

Demostra moi ben o seu pouco interese polos veciños cando di que “ela está disposta a informar a todo o que lle pregunte ou a visite no seu despacho. Despois dalgún tempo no goberno, é unha pena que ninguén lle dixera que isto non funciona así, é vostede a que ten que informar ós cidadáns dos problemas que poidan xurdir, e non os cidadáns os que teñan que preguntarlle cada día se poden ou non consumir a auga que sae das súas billas.”

Esixímoslle a este equipo de goberno que de verdade “se poña as pilas e polo menos non minta máis ós cervenses, que recoñezan os erros e que traten de solucionar os problemas que se presentan canto antes. Non podemos consentir que non se alerte ós veciños dun asunto así, cando a auga non é apta para o consumo e son varias as analíticas que non se axustan ós límites permitidos é de lei que os veciños sexan informados.”

Exit mobile version