Nota de prensa
UN ALUMNO DO IES DE FOZ FINALISTA DO CONCURSO “OURO DOCE EN FUSIÓN, MEL DE GALICIA”
O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida, Mel de Galicia, vén de publicar os finalistas do concurso gastronómico “Ouro Doce en Fusión”. Arantxa Costas e Manel Oliveira do Restaurante Don Chiringo en Vigo e Tapería Castelao en Santiago, respectivamente na categoría profesional. Sergio Carrete e Sonia Pillo do I.E.S de Foz e I.E.S. Fragas do Eume na categoría estudiantes.
A final terá lugar o vindeiro 27 de febreiro no Fórum Gastronómico. Aquí elexirase ao mellor cociñeiro de Galicia de Ouro Doce en Fusión. Será aquí cando os finalistas elaboren as receitas coas que foron seleccionados ante o mesmo xurado que realizou a preselección e valorarase a presentación, orixinalidade e o sabor das mesmas. Desta final, só un gañador por categoría terá a oportunidade de realizar un “Show Cooking” no Auditorio do Fórum Gastronómico de Santiago, onde elaborarán as xoias gastronómicas galardoadas ante a prensa e os invitados asistentes.
O gañador de cada categoría: profesional e estudiantes, será obsequiado cun lingote de ouro, un mandil profesional confeccionado por “Koala Internacional” e unha figura conmemorativa da prestixiosa diseñadora de vidro: “Rosa Mëndez”, ademais de brindarlle a posibilidade de subirse ao escenario co seu propio “Show Cooking” no mellor escaparate enogastronómico da franxa atlántica, o Fórum de Santiago 2012.
O Departamento de Hostelería do IES de Foz prepara unha excursión ao Fórum Santiago para o mesmo día co fin de que os alumnos/as coñezan e participen das diferentes conferencias, stands…e apoien ao seu compañeiro: Sergio Carrete.