Site icon Crónica3.com A Mariña

Sonda Norte e o CIM de Ribadeo traballan nun proxecto coeducativo

Nota de prensa

Sonda Norte e o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo están traballando
nun proxecto coeducativo que rematará coa gravación dun LIPDUB.

Ribadeo, 14 de febreiro. Xa vén sendo habitual que o Centro de Información ás
Mulleres de Ribadeo promova todo tipo de proxectos educativos coa mocidade alén
das fronteiras do cotián. Aínda non ben rematada a gravación da curta produto do III
Concurso de guións cinematográficos, o CIM embárcase noutro proxecto, desta vez en
colaboración coas concellarías de Cultura e Mocidade e coa plataforma SONDA NORTE,
que fai uns días presentou a súa identidade visual e a programación a desenvolver no
2012.
Esta actividade pretende ser un lugar de encontro entre as creadoras e creadores
locais e a mocidade a través do desenvolvemento dun programa que vai desde a
formación na composición de letras non sexistas ata a posta en escena e posterior
gravación dun LIPDUB, unha especie de video musical gravado nun plano secuencia no
que as persoas participantes cantan en playback . O proxecto recollerá tamén a
convocatoria dun certame entre os grupos de Ribadeo para poñerlle música á letra
resultante do proceso de formación así como o deseño dunha coreografía axeitada
tanto á letra como á localización da gravación.
Os obxectivos principais desta proposta pasan por promover o emprego do galego nas
letras das cancións, sensibilizar á mocidade sobre a igualdade de xénero e a
importancia da súa transmisión no ámbito cultural así como por estimular fórmulas de
participación e colaboración nas que o Concello de Ribadeo xa é un referente.
A xuntanza de onte na Casa da Xuventude de Ribadeo é o punto de partida desde
proxecto, un dos moitos eventos nos que veremos participar a SONDA NORTE ao longo
do ano, e do que iremos sabendo máis no mes de marzo.

Exit mobile version