Site icon Crónica3.com A Mariña

A ACIA de Foz organiza a “I Ruta dos viños” na que se repartirán 1.200 euros en vales de compra

Nota de prensa

O VENRES COMEZA EN FOZ A I RUTA DOS VIÑOS QUE ORGANIZA A ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES E NA QUE SE REPARTIRÁN 1.200 EUROS EN VALES DE COMPRA. O OBXECTIVO, SEGUNDO JOSÉ CARLOS PALEO, É FIDELIZAR Á CLIENTELA DA HOSTALERÍA LOCAL.

Foz, 22 de febreiro de 2012. O venres, 24 de febreiro, comeza en Foz a I Ruta dos Viños que organiza a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos e na que se repartirán 1.200 euros en vales de compra.

A I Ruta dos Viños de Foz desenvolveráse do 24 de febreiro ao 1 de abril. José Carlos Paleo, o presidente de ACIA Foz, explica que “durante todo este tempo os clientes dos 35 locais participantes poderán selar as súas tarxetas nestes establecementos e entrar no sorteo de 1.200 euros en vales de compra para gastar neses locais ao longo das vindeiras semanas. Para participar no sorteo deberán ter os selos dos 35 bares, mesóns e restaurantes que se dan cita nesta I Ruta dos Viños de Foz”. Hai un premio de 500 euros, un premio de 300 euros e catro de 100 euros cada un, todos eles en vales de compra para gastar nos locais hostaleiros participantes nesta nova iniciativa de ACIA Foz “que xurde para fidelizar á clientela da hostalería local”.

Paleo sinala que “o que queremos organizando esta ruta é animar á xente a saír tomar os viños por Foz durante as cinco vindeiras semanas e darlles a oportunidade de conseguir algún dos seis premios que poñemos en xogo”. O sorteo será o 27 de abril e poderáse seguir en directo por Radio Foz.

Exit mobile version