Site icon Crónica3.com A Mariña

Volta ao pasado máis cutre


VOLTA AO PASADO MAIS CUTRE

Apenas pasaron uns poucos meses desde as eleccións e os peores temores confirmáronse. Non hai ningunha dúbida nos sinais que nos chegan. A inxenuidade morreu. A pantasma da reacción percorre o país. Os corruptos campan ás súas anchas, exhibíndose sen pudor en todas partes, amosando os froitos do malgasto, do saqueo continuado das arcas públicas, sabedores da súa impunidade.

O Tribunal Supremo asina unha vergoñosa sentenza que converteu este 9 de febreiro nunha data negra para a historia da Xustiza no Estado. Baltasar Garzón, outrora adorado pola dereita extrema por ser o azoute do felipismo, é desterrado da xudicatura co aplauso unánime dos outrora aduladores. O Consello Xeral do Poder Xudicial declara intolerable as críticas ao fallo, esquecendo seguramente que neste país a liberdade de expresión, o dereito á crítica e á discrepancia forman parte da cotidianeidade democrática.

O flamante ministro do ramo, Alberto Ruiz-Gallardón ,algún día o Grupo Prisa quizais explique á cidadanía o seu empeño de anos en presentarnos ao cachorro de Don Manuel como o membro máis destacado do sector progresista do Partido Popular, anuncia sen rubor unha reforma legal que nos retrotrae aos primeiros anos da democracia. Fora xustiza gratuíta, os notarios serán, cobrando quen te casen e descasen, fóra o aborto, píldora do día despois e outras lerias.

Os membros do Goberno na súa totalidade escandalízanse polas burlas, de mellor ou peor gusto, alá cada cal coa súa valoración, lanzadas contra os nosos deportistas nunha canle de televisión francés, cando nunca, estando na oposición, se molestáron en reprender aos seus xinetes da apocalipse e persebreiros da dereita mais ruín, tan dados ao insulto e ao mamporro verbal nos medios de comunicación afíns. E para rematar a faena, O 10 de febreiro, regálannos unha serie de cambios no mercado laboral que botan por terra anos de loita e de conquistas sociais, coa basta escusa da crise económica.

Así as cousas, si eu fora creente, que non o son, só me queda dicir “Que Deus nos colla confesado con esta tropa de reaccionarios e xente de mal vivir.

Otero Regal

Exit mobile version