O mes de xaneiro rematou co rotundo éxito da campaña Vitaminas para o galego, na que participaron dezanove medios de comunicación, superando en máis do dobre o obxectivo marcado. Febreiro comeza coa aparición do dixital Praza Pública, tras dous anos nos que desapareceron da rede e dos quioscos a maioría das cabeceiras informativas en galego e reduciuse drasticamente a pluralidade informativa.
Praza Pública
A publicación dixital Praza Pública, explican, ambiciona contribuír desde o pluralismo, a independencia de criterio e a crítica á súa construción, abríndose á participación dos cidadáns.
Vitamias para o galego
A iniciativa Vitaminas para o galego, que rematou con xaneiro, é unha campaña na que colaboraron dezanove medios e plataformas de comunicación co obxectivo de recadar 3.300 euros. Finalmente a recadación chegou aos 6.830 euros, o que demostra o rotundo éxito acadado e a existencia dunha demanda social de información en galego.
Vitaminas para o galego é unha proposta na que tamén colabora Crónica3 A Mariña e da que forman parte as publicacións Tempos Novos, Galicia Confidencial, Praza Pública, Certo.gl, O Sil, Novas da Galiza, Valminor.info, Quepasanacosta, Radiofusión, Terrachá.xa, Radio Nordés – Vimianzo, Crónicas da comarca de Arzúa – Melide, Cadernos de Comunicación e Analise, Disquecool, Hermes e Atenea, Surfgz.com, Cabozo e Vencello.