Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña e o Burela FS estreitan lazos

Nota de prensa:

A ASOCIACIÓN DE AXUDA AO ENFERMO MENTAL DA MARIÑA E O CLUB LARANXA ESTREITAN LAZOS

A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña e o club laranxa estreitan lazos un ano máis na súa colaboración. O directivo do Burela FS Pescados Rubén Marcelino Luna recibiu esta mesma mañá a Iris Castro, presidenta do colectivo, nas oficinas do club para falar de posibles proxectos conxuntos e renovar o acordo que ambas as entidades veñen mantendo nas últimas tempadas.

Iris Castro trasladoulle ao club burelista o agradecemento “pola xenerosidade con que colabora e participa en todas as iniciativas deportivas da asociación”. “Para o Burela FS é unha verdadeira satisfacción poder contribuír ao labor de desenvolvemento persoal e integración social deste colectivo” explicou tamén Marcelino Luna.

No marco do convenio, os xogadores e xogadoras dos equipos sénior realizan visitas e participan en xornadas de convivencia cos integrantes de Axuda ao Enfermo Mental; dende o club tamén se apoia a causa do colectivo coa doazón de material deportivo. Os membros da asociación dispoñen, ademais, con abonos especiais gratuítos para presenciar a Primeira División Feminina e a Segunda Masculina en Vista Alegre.

A asociación da Mariña, que leva máis dunha década loitando pola rehabilitación psicosocial e laboral das persoas afectadas por enfermidades mentais, dispón de sedes en Burela e Ribadeo e, nuns meses, poderá gozar dunha residencia con centro de día ocupacional en Cervo para completar o servizo asistencial. Dende 2008, o colectivo dispón dun equipo de fútbol sala, A Mariña FS, que a vindeira semana volverá á competición baixo as ordes de Manuel Boullosa no campionato galego ‘Todos polo Fútbol’ na nova tempada, organizado pola Federación Galega de Asociacións de Enfermos Mentais.

Exit mobile version