Site icon Crónica3.com A Mariña

A A.VV das Casas Baratas organiza unha exposición de fotos antigas de Burela na Casa da Cultura

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA INAUGURACIÓN DA 3ª MOSTRA FOTOGRÁFICA SOBRE AS CASAS BARATAS DE BURELA

Antonio Veiga explicou que “iniciativas coma esta contribúen a recuperar unha parte da memoria histórica e favorecen a cohesión entre os membros dunha comunidade”

Burela, 9 de marzo de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu, esta tarde na Casa da Cultura de Burela, á inauguración da exposición de fotos antigas de Burela que, por cuarta vez consecutiva, organizan os propios membros da asociación de veciños das Casas Baratas, coa colaboración dos veciños e veciñas do barrio e co apoio económico da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Antonio Veiga, amosouse moi satisfeito por visitar a mostra e felicitou aos veciños e veciñas deste barrio burelao polo seu traballo “xa que iniciativas desinteresadas coma esta contribúen a recuperar unha parte da memoria a través da compilación de documentos gráficos e, ao mesmo tempo, son proxectos que teñen unha clara vertente social que favorece enormemente a cohesión entre os membros dunha comunidade”. Ademais, segundo indicou Veiga, “consideramos que o apoio a este tipo de asociacións lucenses ten que ser un dos obxectivos da Deputación e así o plantexamos estes 4 anos de goberno”. Porque, tal como argumentou Veiga “apoiando o tecido asociativo, como podemos ver neste marabilloso exemplo, estamos contribuído a dinamizar social e culturalmente o país, valéndonos das persoas que realmente teñen unha implicación co territorio”.

A A.V. de Casas Baratas foi compilando as fotografías que os restantes veciños e veciñas aportaron, até que chegaron a xuntar máis de mil imaxes que permiten recompoñer como foi desde hai anos a vida cotiá de ducias de persoas que residiron ou aínda residen no barrio. A colección fotográfica reflicte o quefacer diario, o traballo e acontecementos sociais propios das épocas. A iniciativa de recuperación destas imaxes que puxo en marcha a AA.VV. Casas Baratas contempla tamén a edición de DVDs para que cadaquén poida levar a mostra á súa casa e tamén elaboraron un álbum no que aparecen distintas xeracións dun barrio con 102 familias onde residen preto de 300 persoas.

Exit mobile version