Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Servizos Sociais de Burela non sabe cando abrirá o centro de día da Fundación Eu Son

Nota de prensa

O EQUIPO DE GOBERNO TRABALLA PARA ABRIR CANTO ANTES O CENTRO DE DÍA DA FUNDACIÓN EU SON. DIANA DURÁN ANUNCIA UNHA XUNTANZA COAS FAMILIAS INTERESADAS EN BENEFICIARSE DESTE EQUIPAMENTO DIRIXIDO A PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL.

Burela, 22 de marzo de 2012. O equipo de goberno traballa para abrir o centro de día da Fundación Eu Son na maior brevidade posible. A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, anuncia que nos vindeiros días haberá unha xuntanza coas familias interesadas en beneficiarse deste equipamento dirixido a persoas con discapacidade intelectual.

Durán e o alcalde, José Mª González Barcia, mantiveron desde a súa chegada ao padroado da Fundación Eu Son varias reunións coa secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, e coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. A edil popular sinala que “precisamente o martes pola mañá tivo lugar unha reunión do padroado da Fundación Eu Son coa finalidade de explicar e puntualizar todos e cada un dos pasos que o equipo de goberno municipal está a levar a cabo para abrir o centro de día á maior brevidade posible, contando coa aprobación unánime dos membros do padroado en canto ás liñas de actuación que se están a desenvolver. Tanto é así que nuns días celebrarase unha reunión coas familias interesadas en beneficiarse deste equipamento dirixido a persoas con discapacidade intelectual, co claro obxectivo de explicar de primeira man as condicións de acceso ao servizo, os seus programas, actividades, servizos complementarios e calquera outra dúbida que lles poida inquietar”.

Para o equipo de goberno “queda demostrado unha vez mais que os populares non permanecen quietos á espera de que apareza o traballo feito, senón que sabedores de que os tempos están sendo moi duros hai que esforzarse para levar adiante o traballo e ver os proxectos rematados. Por iso se está a loitar de forma rigorosa pola apertura do centro de día e todo elo en meses, nun tempo récord”.

Diana Durán dixo que “en catro anos de mandato o bipartito non foi capaz de iniciar ningunha xestión. A concelleira de Benestar e o alcalde, vicepresidenta e presidente do padroado da Fundación Eu Son respectivamente, non foron capaces de tramitar ningunha praza concertada que a Consellería de Traballo e Benestar concedeu a outros centros de día coas mesmas características. Neves Cando non mantivo nin unha soa vez reunión algunha coa Xunta de Galicia e o alcalde, no seu defecto, creu que con ir unha vez estaba resolta a adxudicación de prazas. Lonxe disto, esperaron ambos os dous sentados e non previron outras posibles vías de acceso para as persoas beneficiarias”.

Antecedentes

A concelleira de Servizos Sociais fixo un repaso cronolóxico do acontecido nos últimos anos. Diana Durán indicou que “todos os trámites do centro de día foron comezados polo anterior goberno municipal do Partido Popular” e relatou que “con data 01/03/2010 tivo entrada no rexistro xeral da Xunta de Galicia a solicitude presentada pola entidade Fundación Eu Son de autorización do inicio de actividades para o centro de día para persoas con discapacidade intelectual. O 31 de marzo do mesmo ano a Secretaría Xeral de Familia e Benestar ditou resolución a dita solicitude onde se sinala a concesión da autorización de inicio de actividades para o centro de día de Burela situado en rúa Suafonte nº 47, portal 3 baixo”.

Desde o equipo de goberno do PP lembran que “dado que a anterior autorización administrativa presentaba caducidade dun ano dende que se ditou, por parte do padroado da Fundación Eu Son solicítase en rexistro xeral o 22/03/2011 autorización de cesamento de actividades temporal con carácter total para o centro de servizos sociais de referencia. O 25 de abril do ano pasado a Secretaría Xeral de Familia e Benestar ditou resolución de autorización de cesamento temporal de actividade desde ese día e ata o 25 de outubro de 2011. A segunda prórroga foi solicitada o 14/10/2011, polo que actualmente o centro conta cunha nova autorización de cesamento temporal de actividades dende o 26 de outubro de 2011 ata o 26 de outubro do presente ano”.

Exit mobile version