Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta di que un 80% dos habitantes da Mariña teñen acceso de calidade á internet

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS SUBLIÑA QUE ARREDOR DO 80% DOS HABITANTES DA MARIÑA CONTAN XA CON ACCESO DE CALIDADE Á INTERNET GRAZAS AO PLAN DE BANDA LARGA

? Segundo indicou a delegada territorial, no caso de concellos como os de Xove, A Pontenova, Trabada ou Alfoz, as actuacións da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica permitiron “en apenas dous anos que se multiplicase case por catro a porcentaxe da poboación destes catro concellos con cobertura”

? No ano 2013 prevese que mediante o despregamento de distintas redes a totalidade dos habitantes da comarca teñan acceso á banda larga de calidade

? A delegada territorial visitou esta mañá o Roadshow Movistar Galicia, que nas vindeiras semanas pasará por media ducia de municipios da provincia lucense

Xove, 6 de marzo de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou esta mañá que arredor do 80% dos habitantes da comarca da Mariña contan xa con acceso á internet de calidade, de cando menos 2Mbps de velocidade.

Arias indicou que se están a “cumprir os obxectivos no desenvolvemento do Plan de Banda Larga” e subliñou que a incidencia deste plan nótase na cobertura que permitiu “en zonas de dispersión xeográfica como algúns concellos desta comarca, nos que grazas as actuacións incluídas neste plan se multiplicou por cinco e ata por seis a porcentaxe de poboación con acceso de calidade a rede de redes”.

Neste sentido, destacan os casos de concellos como os de Alfoz, A Pontenova, Lourenzá ou Xove, nos que dunha cobertura conxunta que abarcaba ao 20% da poboación se chegou neste momento a unha cobertura que abrangue a preto do 80% dos veciños deses catro concellos.

Arias cualificou a tecnoloxía como “piar clave” para superar o illamento xeográfico e resaltou os froitos da aposta tecnolóxica da Xunta, que xa ten permitido garantir Internet a preto do 30% dos veciños da Mariña que non tiñan acceso á rede. “Logramos que máis veciños da Mariña teñan internet e logramos mellorar o acceso nos lugares onde se prestan servizos públicos, xa que o 70% dos colexios, xulgados, centros de saúde que non tiñan Internet, poden acceder hoxe á rede”, expuxo.

Para o caso da Mariña, Arias indicou que esta mellora de cobertura débese aos despregamentos de redes fixas (ADSL) e redes sen fíos (3G) do Plan levados a cabo por Telefónica. Cómpre salientar que se trata dun plan a catro anos, así estímase que ao remate do ano 2013 a práctica totalidade da poboación da Mariña Luguesa disporá de acceso ao servizo de banda larga de calidade.

Concretamente, durante os anos 2012 e 2013, Telefónica seguirá a despregar redes sen fíos (3G) do Plan acadando que máis do 95% da poboación da Mariña dispoña de cobertura de banda larga a través de redes fixas ou sen fíos ao remate do Plan. Así mesmo, indicou que a poboación que non queda cuberta coas actuacións anteriores, poderá acceder mediante tecnoloxía satélite.

A delegada territorial asegurou que se están a alcanzar os obxectivos do Plan de Banda Larga en prazo e en forma. A día de hoxe, xa están en marcha 5 das 6 actuacións que recolle o Plan e, neste ano 2012, vaise a impulsar o sexto eixo, “que nos permitirá poder cubrir a través de tecnoloxía satélite o 6% da poboación galega á que non podemos chegar con outro tipo de despregamentos”.

A día de hoxe, grazas as accións do Plan de Banda Larga son xa máis de 422.000 os galegos que poden acceder a internet e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitiu que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegase a preto do 90% fronte ao 70% existente en 2009.

Visita ao ‘Roadshow’

Logo da comparecencia na que aportou os datos da cobertura de banda larga na comarca costeira lucense, a delegada territorial da Xunta visitou en Xove o Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que se achegará nas próximas semanas a media ducia de municipios da provincia de Lugo (Pol, Vilalba, Abadín, Sober, Pastoriza) e que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego. No acto estivo acompañada polo propio alcalde da localidade xovense, Demetrio Salgueiro.

A máxima representante do Goberno galego na provincia destacou a importancia de informar aos cidadáns dos avances na súa localidade do Plan de Banda Larga, impulsado desde a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e de fomentar o uso de Internet, “divulgando as vantaxes que proporciona no día a día tanto para os propios veciños como para as empresas”.

No caso de Xove, indicou a delegada territorial, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a máis 2.700 habitantes que carecían de conexión a Internet, o que supón preto dun 80% da poboación do municipio. Hai dous anos a cifra apenas chegaba ao 8% e as previsións do departamento autonómico é que esta chegue á práctica totalidade do concello a finais de 2013, empregando conexión vía satélite nos lugares de máis difícil acceso.

No Roadshow Movistar Galicia os veciños da localidade poderán aprender a través de distintas demostracións como levar a cabo unha compra online, solicitar unha cita médica, facer uso da sede electrónica da Xunta realizar trámites coa Administración ou consultar todo tipo de información dispoñible na rede. A aprendizaxe realízase de maneira gratuíta a través dos 18 postos con ordenador cos que conta a aula móbil e está guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.

O obxectivo desta actuación do Plan, adxudicada a Telefónica en setembro pasado, é dotar de acceso á rede a máis de 11.300 núcleos do rural galego de aquí a 2013, beneficiando preto de 250.000 persoas. Para o seu despregamento, Telefónica utiliza a tecnoloxía 3 G-UMTS na banda de 9MHz, con gran capacidade de propagación en zonas cunha orografía complexa e capaz de alcanzar velocidades de ata 7 megas.

Exit mobile version