Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación crea a web cinemalugo.tv para difundir novos talentos do audiovisual e o patrimonio

Nota de prensa

A ÁREA DE CULTURA CREA A WEB “CINEMALUGO.TV” PARA DIFUNDIR NOVOS TALENTOS DO AUDIOVISUAL E O PATRIMONIO AUDIOVISUAL LUCENSE

Antonio Veiga explicou que “os protagonistas deste novo proxecto serán as películas rodadas nestas terras: os actores, os directores e os guionistas, e os traballos desas persoas no ámbito do cinema”

O novo espazo que hoxe entra en funcionamento pretende actuar como pantalla de divulgación para os novos creadores e creadoras da provincia e un catálogo audiovisual das creacións lucenses

Lugo, 29 de febreiro de 2012. Esta mañá o vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, mailo delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, compareceron en rolda de prensa para presentar o novo proxecto que puxo en marcha a Área de Cultura: un espazo web que recolle o patrimonio audiovisual das comarcas de Lugo, “LugoCinema”. Como explicou o vicepresidente da Deputación, “ao mesmo tempo, servirá de pantalla para dar a coñecer o traballo dos novos creadores neste ámbito”.

O patrimonio audiovisual das comarcas de Lugo, que será o protagonista deste novo proxecto, está formado fundamentalmente “por películas rodadas nestas terras: os actores, os directores e os guionistas, e os traballos desas persoas no ámbito do cinema”, explicou Antonio Veiga. Veiga recolleu na súa intervención que “Cinemalugo.tv nace como unha iniciativa da área de cultura da Deputación Provincial de Lugo, no seu empeño por axudar a promoción e difusión do cinema galego, e particularmente aquel vencellado ás terras de Lugo. Non se trata dun proxecto pechado, e neste senso dende a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo facemos un chamamento a todos aqueles a aquelas que queiran participar neste proxecto. Neste momento os contidos son aínda escasos, pero como diría Castelao non lle poñades chatas á obra ata que estea rematada”.

Segundo explicou Veiga, os obxectivos fundamentais deste proxecto son: “dunha banda universalizar o acceso a contidos audiovisuais do cinema lucense e galego, promover a dixitalización das obras audiovisuais, facilitando o camiño cara ás novas demandas que se producirán no sector nos vindeiros anos e adaptándoas a novos estándares de visualización, a promoción e normalización do idioma galego no sector, promocionar o noso audiovisual e servir de apoio ás accións de marketing desenvolvidas polas produtoras e distribuidoras, e, por suposto como xa dixemos, o apoio ás e aos novos/as creadores/as”.

Mario Outeiro entrou a explicar os contidos da propia páxina desde unha perspectiva histórica e sinalou que “a provincia de Lugo conta cunha longa tradición cinematográfica que se remonta ao 7 de xullo de 1897 cando o invento dos irmáns Lumière é presentado no Teatro Circo de Lugo. Da man dos exhibidores portugueses Azebedo e Marqués, Lugo é unha das primeiras cidades galegas en coñecer esta curiosidade científica que, un ano máis tarde, xa aparece convertida nun próspero espectáculo de feira que se exhibe, nun primeiro momento, en barracóns e pavillóns (durante o período que vai dende 1898 a 1910) e, despois, en Salóns, locais nos que se compaxina o cinematógrafo con diversos números de variedades. Coa aparición do sonoro,-continuou Mario- a finais dos anos vinte, o cinematógrafo, xa plenamente consolidado como espectáculo independente, dará paso aos coliseos, é dicir, aos clásicos cines caracterizados por ser construcións específicas para a sétima arte e dotados dun gran aforo. Logo, na década dos oitenta do pasado século, estes coliseos serán substituídos polos chamados multicines, pequenas salas nas que se exhiben varias películas ao mesmo tempo”.

“Pero tamén ao longo de todo este tempo, Lugo e a súa provincia van ser escenario da rodaxe de múltiples filmes, tanto de tipo documental como de ficción. Polo que respecta aos primeiros, a toma de imaxes máis antiga da que temos constancia é a realizada por José Gil en 1914 na cidade de Lugo, imaxes que, desgraciadamente, non se conservan. Si se conserva a película que no ano 1929 leva a cabo o operador Luis Rodríguez Alonso e na que podemos ver como eran diversas localidades da nosa provincia a finais dos anos vinte”- Lembrou Mario Outeiro.

“A partir dos anos corenta en adiante os cámaras de NO-DO serán os encargados de inmortalizar as nosas vilas, paisaxes e xentes. Ademais destacan realizadores como Carlos Boué, autor da película “Riquezas Lucenses” (1948), que se inclúe nesta páxina que agora presentamos; ou Manuel Arís Torres e Amando Hermida Luaces, representantes do chamado cine da emigración, e autores, respectivamente, de “Viaje por Galicia e Galicia al día” (1958). A estes nomes hai que engadir os de Ismael González ou Horacio Valcárcel, destacando especialmente o de Carlos Varela Veiga, cuxa tráxica morte puxo fin a un dos intentos máis salientables de contar cun cine galego, responsable de diversos documentais representivos do cine militante.

Mario Outeiro quixo tamén referirse “á tradicion cineclubista existente en Lugo, cidade na que, en tempos da república, se creou o primeiro cineclube que existiu en Galiza da man dun fato de intelectuais. Logo viñeron o Clube Cultural Valle – Inclán e o Marcos da Portela, testemuñas da afección que pola sétima arte de calidade tivo sempre esta cidade. Tamén temos que referirnos á Semana de Cine, evento que este ano celebra a XXXIII edición”.

Segundo explicou Mario Outeiro, “todos estes aspectos que acabamos de comentar teñen cabida na páxina Cinemalugo. Tv que agora se presenta. Dende a arquitectura cinematográfica, expoñente dun xeito de exhibición en cada época, ata as obras dos novos realizadores lucenses, pasando pola recuperación de todo o cine documental que teña que ver coa nosa provincia para o seu coñecemento e posta en valor. Prospectos, carteis, bibliografía e calquera outro aspecto do mundo do celuloide que garde relación con Lugo figurarán nesta páxina, certamente novidosa”.

Na presentación aos medios de comunicación da páxina web http://www.cinemalugo.tv/ que desde hoxe está operativa, Mario Outeiro foi facendo unha visita guiada polos contidos da propia web, “os filmes que aparecen na páxina están subdivididos en diferentes sección. Dentro dos documentais destacamos tres que son: “Un viaje por Galicia” (1929) (trátase dun filme de grande valor histórico realizado co gallo da Exposición Iberoamericana de Sevilla sobre as catro provincias, a través del somo conscientes dos cambios realizados na vida e arquitectura do país). A seguir están “Riquezas Lucenses” (1947), película de Carlos Boué grabada na Mariña de Lugo e recolle os traballos forestais, pesqueiros e da conserva e a “Marcha de Xove” de 1977, esta última da autoría de Carlos Varela Veiga que nos mostran as protestas de hai 35 anos nesta poboación contra a central nuclear que se quería por neste lugar.

Dentro da sección de ficción temos o filme “O Documento”, de Enrique R. Baixeras, que está baseado nun conto de Anxel Fole é que narra a historia da reacción dun mozo a un desengano amoroso que cre que a única saida que ten e tirarse desde unha árbore. Na última das seccións relativas a creadores noveis temos tres obras: do mariñán Matias Nicieza a obra “33”, trátase dunha obra de misterio protagonizada por un profesor de filosofía que recibe como herdo un complexo hoteleiro nun lugar recóndito. Por outra parte tamén está a obra “O Labirinto Ario” de Alfredo Pardo que trata unha obra da trama complexa na que aparece o nazismo e a ditadura franquista como marco da acción. Por último está a obra “Vivindo en Lugo”, da produtora Cool Films, co director Luis Noriega, trátase dunha historia de mortos vivintes que buscan saciar a súa fame tendo como marco a muralla de Lugo.

Exit mobile version