Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inicia os trámites para crear a empresa provincial de turismo

Nota de prensa:
A DEPUTACIÓN INICIA OS TRÁMITES PARA CREAR A EMPRESA PROVINCIAL DE TURISMO

Mario Outeiro afirmou que “estamos a cumprir cos nosos compromisos de goberno diante da cidadanía, poñendo en funcionamento antes do verán a Empresa Pública de Turismo provincial”

O deputado sinalou que “acreditamos na importancia de que nestes tempos debe ser o sector público quen dinamice e incentive o crecemento económico apoiando ao sector privado”

Aprobouse a encomenda de xestión a SUPLUSA das rutas fluviais da Deputación até maio, operando dúas rutas no inverno de mércores a domingo e en semana santa todos os días

Lugo, 16 de marzo de 2012. Esta mañá, a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou constituír a Empresa Provincial de Turismo, que será xestionada cun carácter fundamentalmente público, como así o deixou ver na tradicional rolda de prensa posterior o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, ao sinalar que “acreditamos na importancia de que nestes tempos debe ser o sector público quen dinamice e incentive o crecemento económico apoiando ao sector privado”. Neste sentido, dáse o paso cara a súa conformación iniciando o expediente de constitución da Empresa Provincial de Turismo a través da aprobación por parte da Xunta de Goberno, que adoptou crear unha comisión de estudo composta por membros da propia Xunta de Goberno e persoal técnico da Deputación, que será a encargada de propoñer o acordo de creación desta empresa para que o pleno da Deputación a aprobe definitivamente.

Desta maneira, e tras aprobarse polo pleno da Deputación e a exposición pública da memoria da Empresa Provincial de Turismo, antes do verán estará en funcionamento a empresa para dinamizar o sector turístico lucense, diante do que Mario Outeiro afirmou que “estamos a cumprir cos nosos compromisos de goberno diante da cidadanía, poñendo en funcionamento antes do verán a Empresa Pública de Turismo provincial, unha empresa de turismo que recollíamos xa no acordo de goberno e que pretende incidir en tres campos: a desestacionalización da actividade turística, ofertando destinos fóra da temporada alta; a diversificación da oferta turística, mediante da elaboración de novos paquetes que poñan en valor o patrimonio natural e artístico de Lugo; e por suposto a coordinación da promoción entre a iniciativa pública e privada”.

Mario Outeiro explicou que “a nosa acción de goberno susténtase sobre un dobre eixo baseado na aposta polo benestar, desde a perspectiva de que a crise non sexa un instrumento que aumente as desigualdades sociais, e no emprego, porque diante dunha situación como a actual o sector público non pode mirar para outro lado, senón que ten que traballar naquelo que é máis necesario. Neste ámbito de actuación é onde hai que situar a creación da Empresa Pública de Turismo que hoxe comezamos, como unha ferramenta para potenciar unha actividade económica que representa xa o 13% do noso PIB e que ten aínda máis percorrido e unhas enormes potencialidades. Trátase, polo tanto, de actuar na demanda agregada para crear máis emprego, de favorecer o crecemento económico do sector, e iso conséguese aumentando o número de visitantes, dándolles opcións para aumentar o seu tempo de estancia e contribuíndo a aumentar o gasto por turista, algo que hoxe se presenta como o reto máis complicado”.

Con esta finalidade continuou Mario Outeiro explicando que “garantimos o carácter fundamentalmente público da empresa que creamos e contaremos na mesma coas principais asociacións que agrupen as empresas ligadas co turismo, hostalería, casas de turismo rural e, por suposto, os diferentes territorios de Lugo. Porque, se queremos ser efectivos, faise necesaria a concertación entre o conxunto dos axentes públicos e privados para desenvolver actuacións partindo dunha diagnose e unha estratexia comúns, actuacións que temos que definir entre todos e que deben concretarse na formulación e posta en marcha de novos paquetes turísticos, no potenciamento dos que actualmente existen, na apertura de novos nichos de mercado diferentes aos dos visitantes que xa ten fidelizado a provincia e, por suposto, na desestacionalización do turismo”.

Mario Outeiro volveu incidir en que “como administración na que temos responsabilidade de goberno, temos a obriga diante da cidadanía de poñer todos os nosos recursos a prol de buscar unha saída á grave situación económica que padecen os lucenses, porque neste momento difícil non podemos quedar parados. É por isto que cremos nas grandes posibilidades que ten esta Empresa Provincial de Turismo que hoxe se aproba de cara ao noso maior obxectivo, traer xente ás terras de Lugo, con ofertas especializadas vencelladas ao turismo cultural e de natureza, traballando da man o sector público e privado ben artellado para propoñer unha oferta turística forte que faga que os visitantes pasen máis días entre nós e aumente o gasto turístico, o que internamente faga xerar emprego nas diferentes comarcas de Lugo ”.

Rutas fluviais

Mario Outeiro informou do acordo que se aprobou relativo a manter a encomenda de xestión das rutas fluviais a SUPLUSA por 200.235 euros até o mes de maio e lembrou que durante o inverno mantéñense activas dúas rutas fluviais en dúas zonas; unha no Miño desde a aldea de Belesar á ínsua de Maiorga, cunha hora e corenta e cinco minutos de duración e saídas de mércores a domingo, e outra en Doade, polo Sil, que en dúas horas percorre os canóns do Sil de mércores a domingo, e en semana santa todos os días.

Outros asuntos

Tamén se aprobou o estabelecemento do prezo público dun libro-CD do máster Paulo Fabio, así como a aprobación da cantidade económica necesaria para a organización da II Copa Deputación de Lugo de Piragüismo, que será presentada en días posteriores cando se estabeleza o calendario definitivo e os equipos participantes conxuntamente coa Federación Galega de Piragüismo.

Exit mobile version